A Voceira socialista do Executivo fixo balance do mandato destacando a recuperación da normalidade na institución porque “temos un proxecto ben definido, levamos un ritmo de xestión e de execución moi elevado, e traballamos todos os días para sacar adiante unha política de feitos que mellore a vida dos veciños de todos os concellos”
Lugo, 15 de xullo de 2022“Recuperamos a normalidade para a institución, en canto á imaxe e o funcionamento, cunha fórmula que ten tres elementos básicos: temos un proxecto ben definido, que responde ás necesidades e aproveita as potencialidades da provincia de Lugo; levamos un ritmo de xestión e de execución constante e moi elevado; e traballamos, todos os días, para sacar adiante unha política de feitos que mellore a vida dos veciños e veciñas de todos os concellos”. Así explicou o balance dos tres anos de mandato do Goberno provincial –que se cumpren o vindeiro luns- a Voceira socialista do Executivo, Pilar García Porto.
A Deputada incidiu en que o Goberno vén desenvolvendo dende o ano 2019 “un proxecto claro” definido polo Presidente, José Tomé Roca, que xira en torno a catro liñas de actuación prioritarias: as políticas sociais, que concentran máis dun terzo do Orzamento total da Deputación, “por convencemento, pero tamén porque nos vemos na obriga de suplir a ausencia da Xunta de Galicia en moitos ámbitos, como pode ser o da atención ós nosos maiores”; a cooperación cos concellos, “que é a auténtica razón de ser desta institución, cooperar cos 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas; o apoio aos sectores produtivos, “nomeadamente ao sector primario, que é fundamental para a provincia de Lugo, e o turístico, cun tremendo potencial para impulsar o desenvolvemento do noso rural”, e a mobilidade, “un factor esencial para mellorar a vida da xente, fixar poboación, dinamizar a economía e o emprego, e, polo tanto, para facer competitivo un territorio”.
Este proxecto de provincia, “claro, ben definido e argumentado”, sae adiante grazas “ao compromiso e a capacidade do equipo de goberno e, por suposto, contando co gran traballo de todo o persoal da institución, na que temos equipos profesionais cualificados, competentes e comprometidos co servizo público”, subliñou a Voceira socialista.
De feito, recalcou, “ter claras as prioridades permitiunos reaccionar mellor ante situacións adversas como as que provocou a pandemia da Covid-19”. A modo de exemplos, lembrou que, “ao ter en marcha o sistema do Plan Único, foi máis doado poñer a disposición dos concellos recursos económicos para axudarlles a afrontar os gastos extra que supuxo a Covid; o noso modelo de residencias –público, centrado nas persoas e de pequenos centros- foi determinante para que, afortunadamente, a incidencia da enfermidade entre os nosos usuarios e usuarias fose mínima; e, como xa facíamos antes da pandemia, escoitamos e colaboramos cos sectores produtivos para sacar adiante medidas que aliviasen e que lles axudasen a amortiguar o impacto da crise”.
Compromiso do Goberno do Estado coa provincia
Así mesmo, a Deputada subliñou que neste tempo “sentimos que o Goberno do Estado volveu a apostar polas políticas sociais que benefician directamente ós lucenses, como foi, entre moitas outras medidas, a vinculación da subida das pensións ao IPC, e que volveu a situar á nosa provincia no mapa das infraestruturas do país, subindo o investimento e desbloqueando proxecto paralizados durante os anos de Rajoy en Madrid”.
Falta de ideas da oposición e castigo da Xunta
Sen embargo, e “lamentablemente”, asegurou a Deputada, nestes tres anos de mandato “sufrimos a falta de ideas da oposición nesta institución, e a inacción e o castigo da Xunta á nosa provincia”.
Pilar García Porto afirmou que o PP “carece dun proxecto para a provincia de Lugo” e “fai un seguidismo das directrices da Xunta que o limitou a unha postura pasiva, sumisa e afastada da realidade e das necesidades dos nosos veciños e veciñas”.
Para a oposición, “os recortes de médicos e profesores, os peches de colexios ou o desmantelamento da industria na Mariña, por citar algún exemplo, son situacións ante as que pechan os ollos e calan. Seguen, sen rechistar, o que fai a Xunta de Galicia, que, na súa incapacidade para asumir as súas propias competencias, ten esquecida á provincia de Lugo. Un olvido que alcanza unhas cotas de desprezo e de deslealdade institucional impropias dunha democracia moderna”, argumentou a Voceira.
Sen ir máis lonxe, lembrou, “o ex Presidente Feijóo marchou para Madrid sen ter recibido nin unha soa vez ó Presidente da Deputación de Lugo. Nin o chamou sequera durante o tempo máis duro da pandemia, e tampouco nos contestou cando puxemos á súa disposición durante a crise sanitaria as nosas residencias de maiores”.
“Está claro”, engadiu, “que a Xunta non ten un proxecto para a provincia de Lugo, nin para o rural, nin para o noso sector agrogandeiro, forestal e do mar, nin para recuperar e atraer industria. Ao revés, xogou cos sentimentos da xente dicindo que iría para A Mariña unha empresa, para logo anunciar a súa instalación noutro punto da provincia”.
“Os lucenses seguimos esperando polas infraestruturas pendentes dunha Xunta que non ten reparos en culpar ao actual Goberno de España dos problemas creados nunha obra construída na etapa do PP, mentres nunca executa os investimentos que, ano tras ano, anuncia a bombo e platillo”, asegurou Pilar García Porto.
“Gobernamos coa forza dos feitos”
A Voceira apuntou que, precisamente, “esta é outra diferencia importante. Algúns pensan que gobernar consiste en facer promesas que logo nunca fan realidade. Nós, na Deputación, gobernamos coa forza dos feitos. Presentamos, sempre, licitacións, adxudicacións, convenios, inicios ou finalizacións de obras, programas de promoción turística, accións de apoio a sectores produtivos, á cultura, ao deporte, á Universidade, melloras en estradas, e catro residencias abertas en tres anos e outras dúas, en poucos meses. Todo iso, non son promesas, son feitos”.
“Os bos gobernantes non son aqueles que máis falan ou que máis fotos sen fan. Son os que máis executan os Orzamentos, os que cumpren cos obxectivos marcados no seu proxecto e os que respectan a palabra dada aos veciños, porque os anuncios non lle cambian a vida á xente. O que lle cambia a vida á xente son os feitos. E iso é o que vai seguir facendo este equipo de goberno: traballar todos os días para converter en feitos e realidades o noso proxecto. Un proxecto que pensamos que é o mellor para esta provincia, para os concellos, para o tecido económico e, en definitiva, para os nosos veciños e veciñas”, asegurou Pilar García Porto.

















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



