Ribadeo, 22 de setembro de 2022. O Concello de Ribadeo renovará o seu Programa de Prevención de Drogodependencias e Outras Condutas Aditivas por un período de tres anos. Faino xunto a Trabada, Barreiros e A Pontenova, segundo deu a coñecer hoxe a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire Rancaño. Os catro Concellos veñen de solicitar unha subvención de máis de 68.000 euros para este fin.
A edil ribadense lembrou que “este Programa de Prevención pertence aos Servizos Sociais do Concello e leva activo dende o ano 1996. Xa no 1998 fíxose o convenio cos outros concellos nomeados. O que nos permite é a realización de programas de prevención escolar en todos os IES e CEIPS dos 4 concellos, programas familiares e programas de información e sensibilización”.
A concelleira de Servizos Sociais subliñou que “na prevención escolar, desenvólvense obradoiros para previr o uso-abuso de drogas, pero tamén de adiccións sen substancia como as dos videoxogos, internet ou as apostas on-line..etc Tamén se tratan temas como a presión do grupo de iguais, como dicir que non e habilidades para a vida (empatía, solución de conflitos, etc). En cursos superiores abórdase a problemática das drogas máis directamente, con especial fincapé no alcohol e no cannabis e/ou o que o centro considere necesario. Tamén se fan previos cuestionarios anónimos ao alumnado para saber que drogas ou adiccións (en caso de usar algunha) están a usar e cal é a percepción do risco que eles/elas ven en ese uso ou consumo”.
Mónica Freire contou que “no caso da prevención familiar as últimas 3 charlas-coloquio celebradas trataron sobre o acoso escolar, o fenómeno do botellón e o consumo de cannabis (hachís e marihuana). A vindeira , xa programada, tratará sobre a dismorfia do selfie, é dicir a influencia dos filtros de certas apps na forma en que os adolescentes e non tan adolescentes se ven e os problemas de autoestima que isto lles pode carrexar”.
A edil engadiu que “desde este programa tamén se informa a quen o precise sobre estes temas, ben sexa de maneira presencial no Auditorio Municipal ou a través do teléfono 982 120 808) ao igual que a través das nosas redes en Facebook e Instagram (AdicciónsZeroRibadeo), que están sempre activas”.
Mónica Freire indicou que “o importe da subvención solicitada á Consellería de Sanidade ascende a 68.598,60 euros para os vindeiros 3 anos. O resto do programa está cofinanciado polo Concello de Ribadeo e axudan cunha achega económica os Concellos de Trabada, A Pontenova e Barreiros. O custe total é de 200.982,20 euros”.



















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



