Ribadeo, 23 de setembro de 2022. O Concello levará a cabo traballos de retirada e control de especies exóticas invasoras na zona das Aceas, na ribeira da Ría de Ribadeo. Será durante o que queda deste ano e no primeiro trimestre do 2023. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse ao compromiso co medio natural e subliñou que “isto é algo que debemos conservar, mellorar e coidar para nós e para as xeracións que veñan detrás”.
O rexedor explicou que “nestes días estamos iniciando unha acción continuadora e de mellora disto que levamos anos facendo nesta ribeira da Ría de Ribadeo, na parroquia de Ove, singularmente entre A Vilavella e o inicio do tren mineiro, unha zona coñecida como As Aceas. Estamos facendo unha retirada e control de especies exóticas invasoras”.
Suárez Barcia dixo que “as partes principais desta actuación xa foron feitas hai varios anos, pero agora nestas 9 hectáreas aproximadamente o 9 por cento desta superficie aínda ten especies vexetais arbustivas e plantas invasoras que é necesario seguir eliminando, como tamén é necesario seguir mantendo a senda peonil, eliminar varios puntos de lixo e instalar paneis informativos para que os viandantes e a xente que pasea poida apreciar a flora, a fauna e todo o que está vendo nese arredor”.
O alcalde ribadense indicou que “polo tanto aproveitamos unha pequena axuda que nos deu a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que provén de fondos europeos, para ir implementando estas melloras que se veñen sumar a outras que, a través do Estado e da Xunta, nestes últimos anos viñemos facendo desde o Concello de Ribadeo”.
E engadiu: “adxudicamos esta obra á empresa Foresga, que a vai facer en dúas anualidades: unha parte agora, no que queda de ano, e a outra parte restante no primeiro trimestre do ano 2023”.
Fernando Suárez subliñou que “facemos todo isto polo compromiso que temos desde o Concello co medio natural e coa Ría de Ribadeo. Isto é algo que debemos conservar, mellorar e coidar para nós e para as xeracións que veñan detrás nosa”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


