O secretario xeral anuncia a presentación dun recurso ao regulamento que prohibe faenar en 87 zonas e reclama medidas compensatorias
Vigo, 4 de outubro de 2022. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou hoxe a articular unha ofensiva xudicial, institucional e mobilizadora contra o veto da Unión Europea á pesca de fondo en 87 zonas, o que supón un duro golpe para a flota galega e ameaza milleiros de empregos no noso país. Neste senso, Carril anunciou que a central sindical prepara xa a presentación dun recurso contra a decisión da UE, ao tempo que reclamou a adopción de medidas compensatorias inmediatas para as persoas e as empresas armadoras afectadas.
O máximo responsábel da CIG compareceu diante dos medios de comunicación en Vigo xunto ao responsábel de CIG-Mar, Xavier Aboi, para incidir na urxencia de facer unha fronte común que dea unha resposta “contundente” ante a inminente aplicación deste regulamento “devastador” para a pesca galega, cuxa entrada en vigor está prevista para este luns 9 de outubro.
Carril explicou que a central sindical mantivo contactos nos últimos días con diferentes asociacións de armadores para abordar a situación, “de igual xeito que intentamos sen éxito facelo co Goberno español e galego para articular unha fronte común que iniciase unha ofensiva xudicial coa presentación de tres recursos: un por parte de todos os sindicatos que representan aos traballadores/as afectados/as, outro polas empresas armadoras e outro polas institucións”.
Neste senso, adiantou que a CIG xa está a preparar a presentación do recurso contra, “tendo en conta que se atacan os intereses dos mariñeiros/as galegos/as”. Para a súa elaboración consultou coa Universidade da Coruña, en concreto cos departamentos de Dereito Laboral -especializado en asuntos marítimos- e de Dereito Internacional Público, así como coa Universidade de Santiago, coa que abordou o impacto socioeconómico da decisión.
Con todo, Carril recoñeceu que na central sindical teñen claro que o recurso non vai impedir a entrada en vigor do regulamento, “pero pódense solicitar a adopción de medidas cautelares, tal e como demanda o propio sector para evitar a súa posta en marcha”. Porque -advertiu- o atraso na resolución do recurso vai ser demoledor para a flota, “polo que non entendemos como é posíbel que a escasos días de que se aplique o decreto nin o Ministerio de Pesca nin a Xunta articularon medidas compensatorias mentres dure a prohibición da actividade pesqueira nesas zonas”.
En consecuencia, esixiu a constitución inmediata dunha mesa única na que estean representadas as Administracións, as empresas e os traballadores/as para abordar o que vai pasar a partir deste luns día 9. “Preocúpanos moito que a desidia dos Gobernos se traduza nun amarre da flota, ou no seu despezamento no peor dos casos, que é o que semella que está a buscar a UE”. Por iso lembrou unha consigna xa tantas veces utilizada polo sector ao longo de décadas: “Nin a España nin a Europa lles importa a nosa flota”.
Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que a mobilización vai ser un elemento fundamental neste conflito, “polo que chamamos a participar e sumámonos á manifestación convocada en Ribeira o vindeiro sábado”. Nesta liña, anunciou que a central sindical está a perfilar tamén e a poñer en común un calendario mobilizador que dea continuidade a esta primeira protesta.
Para rematar, lamentou que a conselleira aínda non teña convocado a día de hoxe o Consello Galego de Pesca e que o ministro se dedique a facer “grandes” declaracións públicas pero “cero” actuacións concretas, así como que non teñan confirmado de xeito “claro e rotundo” que van presentar recurso, estudar a interposición de medidas cautelares e adoptar accións compensatorias.
Un dos maiores ataques á flota galega
Pola súa parte, Xavier Aboi, incidiu en que esta problemática non se soluciona unicamente cos presentación do recurso xurídico contra o regulamento “nin dividindo ao sector como está intentando facer o ministro ao pretender ter xuntanzas coas distintas artes, xa que a única reunión que ten validez é con todo o sector en conxunto”. Xa que, segundo lembrou, o veto non afecta só aos grandes caladoiros, senón tamén á pesca de baixura.
Por iso demandou unha resposta “conxunta e coherente” de todo o sector pesqueiro e da sociedade galega. E quixo deixar moi claro que se trata dunha decisión política, “e como tal hai que enfrontala”. Até o punto de que o considera “uns dos maiores ataques da UE” a toda a flota galega e augura un aumento da conflitividade no mar “porque pretenden que vaiamos pescar todos ao mesmo sitio”.
Finalmente, advertiu que “ou este país se mobiliza en defensa da flota ou senón vai ser imposíbel atopar unha solución a curto prazo”, ao tempo que demandou medidas compensatorias inmediatas para paliar as perdas que se van a producir.




















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



