A organización estima que o torneo traerá a comarca unhas 3.000 persoas
Lugo, 14 de xuño de 2023. Este mediodía presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do torneo de fútbol sala base “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”, que reunirá na Mariña equipos de base de todo o Estado en memoria do policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros – José Antonio Villamor e Javier López-.
O torneo disputarase do 23 ao 27 de xuño en Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove (Pavillón Municipal), Viveiro (Pavillón Municipal) e Foz (Torques de Marzán), unha sede compartida que procura extender pola comarca o espectáculo deportivo e o dinamismo social e económico deste tipo de citas, así como a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano.
A Fundación Indecum, que organiza o evento co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación, agarda uns 700 participantes de 67 equipos das categorías prebenxamín (mixta) benxamín (mixta), alevín (masculina e feminina), infantil (masculina e feminina), cadete (masculina e feminina) e xuvenil (masculina e feminina) de Galiza, Asturias, Cantabria, Castilla y Léon e Madrid.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro presentou o acto no que participaron Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano; Roberto Saa Ramos, inspector xefe da Policía Xudicial na Comisaria de Viveiro; Alfonso Mera Río, director do torneo e técnico deportivo da Fundación Indecum, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
Maite Ferreiro destacou o traballo da Fundación Indecum organizando e dando continuidade “a un torneo que xa é un referente no calendario deportivo do verán e que mantén no tempo a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano e dos seus compañeiros”.
“O deporte de base é unha ferramenta para afianzar hábitos de vida saudables . Pero ademais, en eventos coma este, créanse espazos para a convivencia entre nenas e nenos de diferentes lugares. E supoñen tamén unha oportunidade para dar a coñecer o territorio”, destacou a vicepresidenta da Deputación de Lugo.
Á presenza dos equipos, súmase a de acompañantes e familiares, co que se estima que o torneo achegará a Mariña unhas 3.000 persoas. A organización do torneo, cun só partido por día para cada equipo, facilitará que tanto nenas e nenos como familiares aproveiten para coñecer a comarca.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


