Santiago de Compostela, 16 xuño 2023. O Consello Nacional deu luz verde ás candidaturas do BNG ás eleccións xerais do 23 de xullo, unhas listas de “país” que combinan renovación xeracional con experiencia e traballo acreditado no Congreso, candidaturas que na Coruña lidera Néstor Rego, o ribadense Daniel Castro por Lugo, Noa Presas por Ourense e Carme da Silva por Pontevedra.
Ao até agora deputado na Cámara baixa pola provincia da Coruña sigue como número dous Rosana Pérez, actual portavoz parlamentaria de pesca que xa representou ao BNG no Congreso na X Lexislatura. En Lugo, a número dous é María Cristina López, concelleira da Area de participación no goberno local da cidade no pasado mandato, nunha candidatura que encabeza Daniel Castro, o deputado máis novo do Parlamento galego, onde exerce como portavoz de deportes, novas tecnoloxías e ante a Valedoría do Pobo.
En Ourense, ao lado da deputada e portavoz de Enerxía, Noa Presas, ocupa o número dous, Eugenio Quintás, médico no Hospital de Verín e concelleiro nese municipio; mentres que pola provincia de Pontevedra Carme da Silva, concelleira no goberno de Lores e membro da Executiva Nacional, encabeza unha candidatura na que figura como número dous Brais Ruanova, responsable de organización en Vigo.
As candidaturas recollen unha representación plural e diversa da sociedade galega, tanto desde un punto de vista territorial, xeracional, como profesional, con nomes destacados como o escritor Suso de Toro ou o director da Mostra de teatro de Ribadavia, Roberto Pascual.
En canto á candidatura ao Senado, destacan entre outros, os nomes da ex alcaldesa de Melide, Socorro García Cea pola Coruña; o crítico literario Ramón Nicolás, por Pontevedra; por Lugo a activista da sanidade pública Montse Porteiro e por Ourense o ex-alcalde de Castrelo de Miño Xurxo Rodríguez.
“Imos a por todas cunhas candidaturas de país porque o noso obxectivo é defender Galiza, facer valer Galiza, darlle unha voz forte a nosa nación para facernos escoitar ante o Estado”, sintetizou Pontón. A portavoz nacional subliñou que sobran os motivos para coller a papeleta do BNG o próximo 23 de xullo pero sintetizou as dúas grandes motivacións para optar polo Bloque.
“Para que Galiza teña voz propia en Madrid e para frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”, recalcou Pontón que, en consecuencia, convoca á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sabendo que o BNG é a garantía de defensa do País e para parar a dereita en alianza coa extrema dereita”.
Pontón destacou que o Bloque está “preparado” para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios. “Unha vez máis saímos a gañar, coa máxima ambición e confianza e cun obxectivo claro: conseguir un grupo galego forte en Madrid”, destacou, para que Galiza “teña máis peso político, máis voz propia e máis forza ante o Estado para defender os nosos intereses en Madrid como xa fan vascos e cataláns con forzas nacionalistas con grupos fortes que lles permite condicionar a política estatal para mellorar a vida dos seus pobos”, alegou.
Coas mans libres
A líder nacionalista destacou que o BNG é a única forza coas mans libres para defender Galiza e que demostrou con feitos a súa utilidade fronte a inutilidade das sucursais do PP e do PSOE: “Un só deputado do BNG conseguiu máis para Galiza que os 23 restantes e aí está a rebaixa histórica das peaxes da AP9, da que cada día se beneficien 20.000 galegos e galegas”, recalcou.
“Demostramos con feitos que pelexamos por avanzar en dereitos e liberdades, tanto para Galiza como para o conxunto da cidadanía do Estado. O BNG sempre está do lado da maioría social, da clase traballadora: como cando defendemos a derrogación íntegra da reforma laboral do PP ou da Lei Mordaza”, indicou a modo de exemplos.
“Demostramos que o nacionalismo galego é sinónimo de políticas para as maiorías e en clave de País, realizando da man do noso deputado Néstor Rego un traballo intenso, no que nada importante para Galiza nos foi alleo, tanto desde unha perspectiva nacional como social”, subliñou. Neste sentido, o Bloque no Congreso deulle voz aos sectores produtivos; puxo na axenda as necesidades en infraestruturas, serviu para denunciar o espolio eólico ou a discriminación nos investimentos do Estado.
Pero tamén reclamou medidas sociais contra a crise de prezos, defendeu un modelo enerxético a favor da maioría social, puxo sobre a mesa a débeda en dependencia e pelexou para mellorar os dereitos sociais como o aumento das pensións e recuperar a idade de xubilación aos 65 ou o incremento do SMI.
Máis liberdades e dereitos
“En definitiva, o traballo do BNG no Congreso demostrou que somos unha forza útil para facer valer os nosos intereses ante o Goberno do Estado, capaz de darlle a este País voz en Madrid e sempre a favor da maioría social, porque somos incansables na defensa de máis dereitos, máis liberdades e máis benestar”, recalcou na súa intervención ante o Consello Nacional.
Pontón advertiu do risco de reducir o debate electoral ao bipartidismo de sempre, “cos anteollos reducionistas do centralismo”, -criticou-, pero o 23 de xullo “vai de Galiza, vai de ter voz propia para que se nos escoite, vai de ter peso político, vai de defender Galiza e esa é razón de ser das candidaturas de País que aprobamos hoxe”, alegou.
No obxectivo de defender Galiza, o BNG será “ambicioso e esixente”, como fixo estes catro anos, “demostrando que o noso apoio non é un cheque en branco, demostrando que non somos a muleta de ninguén, senón a forza e a voz de Galiza en Madrid e demostrando que para ter o noso voto hai que cumprir con Galiza, cos galegos e cas galegas”, concluíu.
Deputación de Lugo
En canto á proposta de deputados provinciais, o Consello Nacional aprobou que polo partido xudicial de Mondoñedo sexa o concelleiro de cultura e deporte de Barreiros, Dani García, quen substituirá a Mónica Freire, quen estivo no mandato anterior á fronte da área de medio rural, mar e mocidade.


























O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.



