O candidato socialista á Xunta de Galicia acusa a Rueda de por en risco a saúde da veciñanza da Mariña: “Só se decidiu a facer algo dous días antes desta manifestación”
Viveiro, 19 de novembro de 2023. O candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a “insolvencia sanitaria” amosada por Rueda, que pon en risco a saúde dos galegos e das galegas coa súa mala xestión. Participou na manifestación convocada diante do Centro de Saúde de Viveiro xunto con 3.000 veciños e veciñas para denunciar os recortes na sanidade pública.
O responsable socialista participou no encontro xunto coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto con alcaldes e representantes socialistas doutros concellos da Mariña.
O socialista criticou o “abandono” da sanidade pública por parte do PP, e dixo que “iso si que é romper Galicia”, diferenciando entre os concellos que dispoñen de asistencia sanitaria e os que non a teñen. Explicou que o 80 por cento dos 67 concellos de Lugo teñen baixas de médicos, 14 deles con risco de perder o servizo.
Tamén se referiu ás listas de agarda en Atención Primaria en Galicia de entre 15 e 20 días e falta de tempo que teñen os profesionais para atender aos pacientes. Aludiu á perda de 1.000 sanitarios nos 14 anos de gobernos do PP, antes de trasladar o seu apoio aos profesionais sanitarios que “levan anos compensando o déficit estrutura do sistema co seu compromiso”.
En declaracións aos medios, Besteiro denunciou a situación na que se atopa o Centro de Saúde de Viveiro, “que é un mostra máis da lamentable situación que está a padecer a Atención Primaria en Galicia”. Lamentou neste senso que os veciños e veciñas leven practicamente un ano sen pediatra e “con só dous médicos para atender ás urxencias e ás consultas de Atención Primaria”.
O candidato socialista explicou que dos sete facultativos “tan só traballan dous na quenda da mañá e só un na da tarde, e o servizo de pediatras que atende a toda a comarca só está operativo uns días ao mes porque se trasladan dende o Hospital de Lugo”. Unha situación insostible, engadiu, “que pon en risco a saúde dos veciños e veciñas da Mariña”.
Besteiro lamentou que “despois de ter que soportar esta situación ao longo de todo este tempo, a 48 horas desta concentración, atopámonos na prensa que, AGORA SI a Xunta vai tentar de resolver esta situación de xeito inmediato. Isto é unha tomadura de pelo para os veciños e veciñas de Viveiro”.
Colapso do sistema informático
Besteiro tamén lembrou que esta mesma semana colapsou o sistema informático do SERGAS, o que impediu acceder á información real de cada paciente, o sistema de receitas e afectando incluso ao 061. Dixo que se trata dun “feito de extrema gravidade que non pode volver a suceder”.
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta remarcou que, en contraposición ao modelo falido da dereita, “os socialistas galegos queremos un modelo de atención primaria multidisciplinar, un modelo que sexa o centro real da saúde galega. Dotándoo de persoal con condicións laborais dignas, e dos recursos necesarios para volver a ofrecer unha atención de calidade aos galegos e galegas”.




















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



