Os mariñaos comezaron por detrás, igualaron antes do descanso e asinaron a vitoria cando o empate parecía xa imposible de mover
Burela, 3 de febreiro, 2024. Un gol de Lucho practicamente sobre a bucina outorgoulle a vitoria ao Pescados Rubén Burela nun vibrante derbi irmandiño disputado na Malata diante do Parrulo Ferrol (4-5). O capitán laranxa aproveitou unha contra e definiu ante Coro para traer os tres puntos á Mariña e desatar o xúbilo entre o conxunto burelista e a afección burelesa desprazada a Ferrol.
O encontro comezou moi costa arriba para o Pescados Rubén Burela, que veu primeiro como lle anulaban un gol por man a Lucho e despois como os locais se adiantaban no primeiro cuarto de partido con tantos de Rubén Orzáez e Iván Rumbo. O primeiro chegou nun rexeite tras unha falta e o segundo logo dun disparo potente de Iván Rumbo.
Respondeu o conxunto mariñao dous minutos máis tarde para facer o 1-2 nunha acción de estratexia finalizada por Charly. Case sen tempo para celebrar o tanto, Álex Moñino volvía poñer con dous goles de vantaxe aos ferroláns aproveitando un balón ao segundo pau. O partido era un toca e daca constante e Charly facía o 3-2 poucos segundos despois noutra acción de estratexia que remataba cun tiro cruzado dentro da área.
O equipo dirixido por David Rial conseguiría poñer as táboas no minuto 16 cun dobre penalti convertido por Álex García. O de Manresa perdoou no primeiro lanzamento, pero houbo que repetilo ao adiantarse Coro. Aí xa non errou o catalán. Seguidamente, Alberto Mirás puido poñer por diante aos laranxas antes do descanso. O santiagués regateaba a Coro dentro da área, pero Álex Moñino chegaba por detrás para evitar o tanto do burelista.
A segunda metade tivo menos ritmo e intensidade que a primeira, aínda que os dous equipos dispuxeron dun bo puñado de ocasións de gol. Os departamentais puideron adiantarse no primeiro minuto de xogo e Coro tivo que intervir posteriormente para deter un bo intento de Ismael desde a frontal. Os mariñáns asediaron durante un par de minutos a meta ferrolá e enviaron dous balóns á trabe. O primeiro foi Malaguti nunha volea tras un saque de esquina e o segundo Ismael noutro novo córner.
O cadro mariñán atopou o premio á súa insistencia no minuto 28, cando Alberto Mirás remataba a gol coa cabeza dentro da área un saque de esquina. Os de David Rial gozaron doutra grandísima ocasión para poñer o 3-5, pero volverían atoparse co longueiro nun tiro de Ismael. Respondeu para os locais Hélder cun lanzamento que despexaba Mika.
O Parrulo igualaba de novo a contenda a seis minutos da conclusión cun tanto de Iván Rumbo no segundo pau tras unha boa acción pola á de Aitor. Co empate, David Rial apostaba por Ismael de porteiro-xogador cando restaba pouco máis dun minuto para o final do derbi e atopaba o premio á súa valentía sobre o asubío final.
Ficha Técnica O Parrulo Ferrol 4-5 Pescados Rubén Burela FS
O Parrulo Ferrol (4): Coro; Negro, Rubén Orzáez, Domingos, Álex Moñino -quinteto inicial-, Iván Rumbo, Novoa, Aitor, Hélder, Francini e Antonio Jesús.
Pescados Rubén Burela FS (5): Mika; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti – quinteto inicial-, Alberto Mirás, Álex García, Charly, Ismael e Quelle.
Goles: 1-0, min. 2: Rubén Orzáez. 2-0, min. 8: Iván Rumbo. 2-1, min. 9 Charly. 3-1, min. 11: Álex Moñino. 3-2, min. 11: Álex García. 3-3, min. 15: Álex García. 3-4, min. 28: Alberto Mirás. 4-4, min. 35: Iván Rumbo. 4-5, min. 40: Lucho.
Árbitros: Xabier Huarte e Borja Reguera (Colexio Vasco). Amonestaron aos locais Iván Rumbo, Aitor e Regueira, así como aos visitantes Lucho, Isma, Álex García e Malaguti.
Inicidencias: Encontro da décimo oitava xornada da 2ª División disputado en el pabellón da Malata cun gran ambiente nas bancadas.




















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.



