A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe as Xornadas Capacita 2024
Lugo, 16 de outubro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que un dos obxectivos da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aprobará a vindeira semana no Pleno do Parlamento, é promover o peche dos ciclos produtivos na comunidade autónoma e xerar industria de transformación.
Así o salientou hoxe na clausura do ciclo de xornadas Capacita 2024, organizadas polo Instituto Económico de Galicia (Igape), en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia, Nordés Club Empresarial e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que, nesta última convocatoria, abordaron o tema: “Galicia con Sinerxía. Recursos naturais (pedra, madeira, cerámica). Economía circular. Moda”.
Na súa intervención, Lorenzana explicou que a Lei de Recursos Naturais busca “conciliar o aproveitamento dos recursos naturais con que eses beneficios vaian ás nosas empresas e ás nosas industrias, garantindo sempre o respecto ao territorio e potenciando o binomio entre a enerxía e a industria, que é fundamental para continuar avanzando”.
“Temos unha vantaxe competitiva inmensa en Galicia e temos que ter estratexia, intelixencia, talento, e a colaboración suficiente para pensar a medio e a longo prazo que queremos facer en Galicia”, apuntou. Eses recursos naturais, proseguiu, “son unha das claves para que realmente Galicia poida despuntar neste momento económico tan complexo a nivel internacional pero tamén cheo de moitísimas oportunidades”.
Lorenzana defendeu a postura da Xunta de facer compatible o aproveitamento dos recurso naturais –“e, polo tanto, da xeración de riqueza, de economía, de industria en Galicia”-, e o respecto absoluto ao territorio e ao medio ambiente. “Isto é compatible, podémolo conseguir con sentido común, con rigorosidade e traballando con todo o tecido produtivo”, abondou.
“Se conseguimos todo isto, conseguiremos crear un modelo de desenvolvemento sustentable que beneficie tanto ás empresas, como ao medio ambiente, como á nosa xente, e conseguiremos crear riqueza e benestar”, dixo, para sinalar que “as sinerxías entre os distintos sectores son fundamentais para, pouco a pouco, impulsar unha transformación positiva na economía”.
Nesta liña, en relación á temática das xornadas, a conselleira avogou por impulsar a economía circular en determinados sectores como o téxtil; en seguir promovendo a construción en madeira -co futuro mercado voluntario de créditos de carbono que incorpora a Lei de recursos naturais-; en avanzar no autoabastecemento de minerais propios ou na implantación das enerxías renovables en todos os eidos.
Lorenzana concluíu destacando a importancia da formación e de atraer e afianzar talento nas empresas como fórmula para incrementar a súa competitividade. E, ao respecto, destacou os resultados do programa Capacita Directivos do Igape desde 2015, con máis de 90 actividades formativas programadas, máis de 19.000 participantes e un investimento que acada os 1,5M€.










Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
Reyco Burela FS convoca a todos os socios e socias á Asemblea Extraordinaria que se celebrará o martes 28 de abril no salón de conferencias de Burela (antiga biblioteca) nunha primeira convocatoria prevista para as 20.00 h. e segunda para as 20.30 h. O acceso será única e exclusivamente para socios e socias, que deberán asistir á xuntanza co carné de socio/a e o DNI. Orde do día: 1. Lectura e aprobación da acta anterior. 2. Situación económica xeral. 3. Procedementos xudiciais contra o club. 4. Accións adoptadas para a continuidade do club. 5. Rogos e preguntas
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza e contará coa participación de Dores Fernández Abel, en representación da entidade, xunto co autor da obra. Duarte Correa xa visitara Ribadeo no ano 2022 para ofrecer unha charla sobre a situación política internacional, centrada daquela na guerra de Ucraína. Nesta nova ocasión, o público poderá volver seguir a súa capacidade de análise e síntese, que lle permitirá ofrecer unha visión actualizada dun contexto xeopolítico en constante transformación.
A parada principal foi Cee, onde a expedición foi recibida no Museo Fernando Blanco, afondando nos vínculos históricos entre ambos municipios. Durante a visita, o director do centro destacou a “dobre conexión” entre Ortigueira e Cee, lembrando a figura de Manuel Rebollar, músico ortegán que dirixiu a Banda de Música de Cee entre 1927 e 1940. O recordo ao artista foi un dos momentos máis emotivos da xornada, ilustrando os lazos culturais que unen ás dúas localidades desde hai case un século.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



