Foz, 4 de novembro de 2024. A concelleira da Aula Universitaria da UNED Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, veñen de presentar a programación para este mes de novembro, que inclúe unha exposición e catro cursos, para os que xa está aberta a inscrición.
Para comezar propoñen participar nun curso de organización e orde, Organización de espazos para mellorar a túa vida, impartido por Alba Caamaño Fernández. Muiña apunta que “é a docente idónea para unha formación deste tipo, xa que é a presidenta da AOPE (Asociación de Organizadores Profesionais de España) e conta cunha ampla experiencia neste ámbito de traballo”. Levarase a cabo os luns de 18:00 a 20:00 horas dende hoxe, día 4 de novembro, ata o 13 de xaneiro. Nestas datas a mesma docente, tamén mentora de negocios e especialista en procesos, estratexia e ventas, impartirá ademais o curso Crea o teu negocio dixital e consegue novos clientes. Será os luns de 16:00 a 18:00 horas, e ten como fin dar a coñecer os negocios dixitais e aprender a crealos cun paso a paso moi claro. A concelleira expón que “é unha gran oportunidade para aquelas persoas que pensen en emprender e isto pode repercutir positivamente nos servizos cos que conta a noso pobo”.
Buscando continuar a liña formativa do curso pasado, ofrecen de novo unha formación sobre Educación respectuosa, da man de Olaia Otero Cao, mestra de Educación Infantil. Impartirase do 7 ao 21 de novembro, os xoves de 16 a 19:30 horas. “Esta actividade combina a ensinanza de coñecementos teóricos e prácticos, incluíndo discusións participativas e actividades que permitirán aplicar o aprendido na vida diaria. Vai dirixida a familias e educadores”, explica a coordinadora.
Como xa vén sendo habitual, de novo a Aula Universitaria da UNED de Foz pon a disposición dos futuros opositores unha formación sobre Preguntas básicas de Constitución Española. As clases terán lugar do 25 de novembro ao 3 de decembro de 16 a 20 horas. “É de recibo contar con formacións demandadas pola veciñanza e os resultados saltan á vista cando as propostas suman varias edicións ás costas. Se algo funciona e se precisa debemos traballar arreo para ofrecelo”, indica a concelleira.
Ademais durante todo o mes poderá visitarse a exposición Mulleres de onte e hoxe no CENIMA. A lucense Ana María Rodríguez cede as súas pinturas acrílicas sobre lenzos nas que retrata a mulleres de onte, mulleres de Lugo, mulleres do mundo, mulleres en pandemia e lágrimas das mulleres de Ucraína. “Queremos traballar a prol do feminismo e reivindicar o papel da muller ao longo dos tempos e dos espazos. Esta exposición parécenos unha forma marabillosa de plasmalo”, indica a coordinadora da Aula, ao que a concelleira engade: “esta actividade inscríbese na programación que dende a Concellería de Muller se organiza para celebrar o 25 N. Ademais de denunciar a lacra social que vivimos causada pola violencia de xénero, queremos expoñer o poder da muller de calquera tempo”.
Finalmente recordan que o período de matriculación da UNED segue aberto ata o día 5 de novembro e invitan á poboación “a achegarse á aula e informarse sobre os distintos servizos e recursos educativos que se ofrecen dende Foz”, comenta Elena Martínez. E Marta Muiña apunta que “a oferta de graos universitarios é moi ampla, pero ademais tamén contamos co curso de acceso á universidade para maiores de 25 e 45 anos”.
Para obter máis información sobre calquera destas actividades pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



