“Este País non lle vai perdoar a Rueda a súa deslealdade con Galiza e coa xente: Altri vai ser a tumba do PP”, afirma no Parlamento Aberto do Bloque
Santiago de Compostela, 15 de febreiro, 2025. “Non imos permitir que nos colen como industrialización o que é destrución, contaminación e máis eucaliptización”, asegurou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento Aberto organizado polo BNG co obxectivo de afondar nas consecuencias que terá a macrocelulosa que Altri, en alianza coa Xunta, quere instalar en Galiza.
Un foro ao que asistiron expertos do ámbito da economía e do medio ambiente, así como representantes de colectivos afectados que están a loitar para que o proxecto non saia adiante, veciños e veciñas aos que o PP impuxo o seu veto “autoritario e antidemocrático” no Parlamento e cos que o BNG -dixo Pontón- vai ir da man porque “o futuro non está en desenterrar o franquismo industrial das celulosas que impuxo Ence na ría de Pontevedra e que agora o PP quere resucitar para colocar unha bomba ambiental no corazón do rural galego”.
A portavoz nacional comprometeu que o BNG “fará todo o posible” para parar a macrocelulosa que nin Portugal quere e á que o Goberno do PP, “no colmo dos disparates”, pretende darlle 250 millóns de euros. “Mentres outros gobernos logran proxectos de vangarda, tecnolóxicos e de futuro, Rueda só lle ofrece a Galiza unha macrocelulosa contaminante que ninguén quere”, advertiu, lembrando que Noruega acaba de rexeitar un proxecto de celulosa máis pequeno co de Altri para protexer o seu territorio.
“A diferencia é que en Noruega hai un goberno que pensa no ben común e aquí hai un goberno que pon os intereses privados de empresas vinculadas ao PP por riba das vidas dos galegos e as galegas”, agregou.
É por iso que o BNG “non vai calar” e seguirá a traballar para que Altri non reciba “nin un só euro público” e para que os 250 millóns de euros que o PP lle quere regalar se destinen ás pemes galegas, a sanear as rías e ríos e a apoiar aos nosos sectores produtivos no rural e no mar, sectores dos que -subliñou- viven miles de familias.
Fronte a un Partido Popular que trata a Galiza “como unha colonia”, o mesmo PP que está disposto a sacrificar 8.000 empregos directos no agro e na pesca, que só ofrece “espolio e contaminación” e ao que non lle importa “converter Galiza nun gran eucaliptal”, o nacionalismo galego vai estar “ao lado da xente do rural e do mar”, subliñou Ana Pontón.
A portavoz nacional referiuse a algúns dos datos que corroboran a ameaza que supón a megafábrica de Altri, cifras recollidas no propio proxecto, como os 3,6 millóns de metros cadrados que formaban parte da proposta de ampliación de Rede Natura paralizada polo PP, os 13 quilómetros de tubaxes en espazos protexidos, as 8,7 toneladas diarias de gases contaminantes, os 46 millóns de litros de captación de auga diarios ou os 30 millóns de litros de auga contaminada que irían a parar o río Ulla, que abastece a máis de 100.000 persoas e que terminarían na ría de Arousa.
O BNG pedirá o arquivo do expediente de Augas
E a pesar diso o PP xa filtrou que Augas de Galiza lle vai da o visto e prace a Altri, “un despropósito tal” que chegan a asegurar que a macrocelulosa vai mellorar a calidade das augas do Ulla e do Encoro de Portodemouros, indicou, para a continuación anunciar que o BNG vai pedir o arquivo do expediente porque, tal e como se soubo por Adega, o prazo para a autorización de augas está caducado.
A portavoz nacional denunciou, neste punto, que, na súa alianza con Altri, “o PP está disposto a pasar por riba do Parlamento, da lei e da xente” para que a macrocelulosa acabe implantándose no País, unha “decisión política” que se tomou hai xa tres anos, cando a Xunta, a través da Sociedade Impulsa, asinou un documento coa empresa portuguesa “do que aínda hoxe descoñecementos o seu contido”.
É por iso, e porque a sociedade galega ten dereito a coñecer a verdade e a que se poña fin ao escurantismo co que o PP está a actuar, que Pontón instou a Alfonso Rueda a facer público o acordo asinado no 2021. “O PP segue instalado na mentira e na propaganda cun presidente que agora, por riba, se esconde detrás dos técnicos para xustificar o inxustificable, que é desleal con Galiza”, manifestou.
“Altri vai ser a tumba do goberno do PP”
Pontón contrapuxo o orgullo que representan os colectivos que loitan contra Altri e que acudiron ao Parlamento Aberto do BNG mentres o PP celebraba un “acto de propaganda e autobombo, que é o que mellor se lle da”. “A inmensa maioría dos galegos non teñen nada que celebrar un ano despois das eleccións”, sostivo, referíndose ás 400.000 persoas que están nas listas de espera do Sergas, aos millleiros de nenos e nenas sen pediatra, ás persoas que agardan pola dependencia ou aos mozos e mozas que non poden acceder a un traballo e unha vivenda digna.
“Os únicos que teñen algo que celebrar son as empresas amigas do PP”, proseguiu Pontón, que concluíu o seu discurso como empezou, salientando que, como se di no Grándola Vila Morena de Zeca Alfonso, “o pobo é quen máis ordena”. Por iso, “no BNG estamos convencidas de que o pobo galego vai ser capaz de parar esta bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza” e de que Altri “vai ser a tumba do goberno do PP”.



















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



