O líder marcou aos dous minutos de xogo e sufriu para conseguir unha sentencia que chegou no treito final, cos locais envocardos na busca do empate
Burela, 22 de febreiro, 2025. O conxunto masculino do Burela FS volveu dar unha gran imaxe na visita a Vista Alegre do líder, un Movistar Inter que tivo que suar ata o último minuto para levar os tres puntos (0-3). Os burelistas non puideron lograr un mellor resultado porque careceron de eficacia e estreláronse ante o meta visitante, un Jesús García que fixo un auténtico partidazo. Os interistas adiantáronse cun tanto aos dous minutos e non lograron sentenciar ata dentro dos últimos 120 segundos de xogo, cos locais xa envorcados sobre o marco interista.
O Inter comezou cunha marcha máis e creou dúas ocasións que lle bastaron para poñerse por diante. Na primeira acción, aos 36 segundos, Chaguinha topábase co pau nun disparo escorado que tocaba levemente Kaluza. O internacional xeorxiano non perdoaría na seguinte concluíndo unha acción rápida dos madrileños. Carlos Bartolomé, desde o á dereita, tocaba un balón a banda contraria, deixábaa pasar moi ben Cecilio para fixar a Isma e Chaguinha de primeiras batía a Kaluza cun gran disparo cruzado.
Despois dun inicio titubeante, o cadro local foi aos poucos desperezándose e Pitero tivo a primeira ocasión nun cabezazo demasiado frouxo que detivo sen problemas Jesús García. Na contra, Lucao tivo o segundo, pero o seu remate cruzado foise lixeiramente desviado. Tería máis dificultades o meta visitante no seguinte intento dos locais, que chegou no minuto 7 por mediación de Araya cun lanzamento desde o costado esquerdo. Seguía buscando o empate o conxunto mariñao e un minuto máis tarde teríao nos seus pés Charly, pero o seu remate tras unha asistencia de Rikelme, e cando Jesús García non estaba baixo paus, sacábao un defensa torrejonero.
A resposta dos de Alberto Riquer foi instantánea e unha gran paralela de Carlos Bartolomé deixaba só a Cecilio ante Kaluza, pero o internacional polaco volvía gañar a partida ao español. O partido era un toma e daca constante e a seguinte gran ocasión era para os locais. Araya arrincaba polo á esquerda índose con calidade de Carlos Bartolomé, trazaba unha gran parede con Pitero, pero o seu remate íase por moi pouco.
Superado o ecuador, Kaluza metía as dúas mans nun remate moi potente de Pablo e de novo Araya realizaba unha parede, nesta ocasión con Alberto, para volver plantarse só ante Jesús García, pero volvía resolver ben o man a man o meta madrileño. O capitán chileno, omnipresente neste tramo de partido en campo contrario, tería unha nova oportunidade, pero o seu remate non atopaba o camiño do gol nin a Alberto no segundo pau, xa que despexaba o balón previamente un futbolista madrileño.
O Burela acumulaba ocasións no marco contrario, pero a falta de eficacia condenaba aos discípulos de David Rial, que volverían ter outra grandísima ocasión no minuto 15. Kaluza enviaba un balón en longo que baixaba con calidade Juninho, pero o seu disparo desde a frontal íase demasiado alto. Tomaría a substitución Isma, que roubaba un balón e armaba a perna esquerda para disparar. Sacaba outra vez un pé abaixo Jesús García. A última do primeiro tempo chegaría por mediación de Charly nunha falta directa ante a que realizou unha gran intervención Jesús García.
O cadro laranxa seguiu tentándoo tras o paso polos vestiarios e o empate estivo a piques de chegar nun remate de Alberto que detiña en dous tempos Jesús García e ao que non chegaba por pouco para remachar o balón Pitero. Despois probaríao Isma cunha tixeira de bela factura que impactaba no corpo de Raya.
Cando parecía que o 1-1 estaba moi preto, a punto estaba de chegar o 0-2 dos visitantes nun man a man de Drahovský e noutro de Chaguinha, pero en ambas as ocasións aparecía Kaluza, que o facía de novo nun remate afastado de Javi Mínguez cun bo pé.
O cadro mariñao quitouse a presión sobre o seu marco cunha acción de Rikelme, que baixaba moi ben o balón co peito e despois empalmaba un potente disparo que se foi rozando o pau esquerdo da portería de Jesús García por moi pouco.
O partido seguía con moitas ocasións, pero só cun tanto grazas á gran actuación das dúas metas. Kaluza volvía aparecer nun disparo de Carlos Bartolomé e nun disparo peligrosísimo de Bebe, no que tivo que voar para evitar o gol. Na seguinte non podería facer nada xa o polaco, pero Cecilio remataba fóra un pase da morte de Chaguinha tras unha perdida de Juninho.
Tras esta ocasión, o Burela volveu redobrar a súa presenza en campo contrario e tiveron varias boas oportunidades para igualar. Jesús García sacaba un man a man ante Araya e logo metía unha man espectacular ante Charly, que se quedou só diante do porteiro madrileño tras unha gran asistencia de Isma.
Cos burelistas envorcados, Movistar Inter sentenciaba o partido nos dous últimos minutos. Bebe anotaba a pracer un balón morto que se atopaba tras unha contra de Raya. Rikelme saía coa camiseta de porteiro-xogador e, tras dous intentos de Isma nos que interviña Jesús García, Cecilio anotaba o terceiro e definitivo nun contragolpe no que se atopaba só a Marc Campàs defendendo o marco mariñán.
Ficha Técnica Burela FS 0-3 Movistar Inter
Burela FS (0): Kaluza; Araya, Alberto, Rikelme, Isma -quinteto inicial-, Pitero, Juninho e Charly.
Movistar Inter (3): Jesús García; Raya, Cecilio, Chaguinha, Carlos Bartolomé -quinteto inicial-, Lucao, Drahovksý, Bebe, Javi Mínguez e Pablo.
Goles: 0-1, min. 2: Chaguinha. 0-2, min. 38: Bebe. 0-3, min. 40: Cecilio.
Árbitros: García Robles e Moreno Reina (Andalucía). Amoestaron ao técnico local, David Rial, así como aos seus xogadores Alberto e Isma. Polo cadro visitante recibiu a amarela Pablo.
Incidencias: Encontro da décimo novena xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 1.000 espectadores.























A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.


