A ala-peche canteirá, que debutou na máxima categoría con 15 anos, regresa á Primeira Iberdrola “con moitas ganas e ilusión”
Burela, 28 de xullo, 2025. Cris Blanco tamén se apunta ao novo proxecto do Burela FS feminino na Primeira Iberdrola. A ala-peche destra canteirá, que debutou na máxima categoría con 15 anos e xa estivo na dinámica do primeiro equipo na campaña 2023/2024, únese a Silvia Rubal e sobe desde o filial para achegar “moitas ganas e ilusión”. Destaca por ser intelixente tanto á hora de defender como de tomar decisións co balón nos pés. Xunto á propia Silvia foi unha das referentes o pasado curso co filial burelista en Preferente Futgal, onde anotou 24 goles en 27 partidos e colaborou activamente na quinta praza lograda polo equipo.
Na súa presentación como nova xogadora do primeiro equipo estivo acompañada por Yolanda Álvarez Carro, tesoureira do club, que lle deu a benvida de novo ao conxunto de Primeira División, agradeceulle a súa aposta polo club e desexoulle a mellor das sortes e moitos éxitos na tempada que está a piques de comezar.
Cristina Blanco Basanta (Burela, 04/05/2001) poñerase ás ordes de Belén Feal na máxima categoría despois unha traxectoria que iniciou con catro anos na estrutura da entidade laranxa e que seguiu cun paso polas categorías de formación do Ribadeo FS, entre os 12 e os 14 anos, desde onde regresou aínda moi novo para enrolarse no filial do Burela FS e debutar con 15 anos no primeiro equipo. Posteriormente, con 19, marchou dúas campañas ao Viaxes Amarelle B e desde o club coruñés recrutouna Jairo Campo no verán do 2023 para integrarse no novo filial burelista. As súas boas actuacións en Primeira Autonómica, onde acumulou 15 goles nas primeiras 12 xornadas, chamaron rapidamente a atención dun Julio Delgado que, diante dalgunhas baixas no primeiro equipo, introduciuna na dinámica do mesmo en xaneiro, quedando xa ata final de tempada. Deste xeito, tivo oportunidades en Liga, estreándose como goleadora contra o Leganés a domicilio, nunha vitoria por 1-5, e tamén participou nas fases finais da Supercopa en Torremolinos (Málaga), que se saldou con título para as burelistas, e a Copa da Raíña en Alhaurín de la Torre (Málaga). Ademais, neste tempo de novo de laranxa, Cris tamén se implicou nas categorías inferiores dirixindo a equipos benjamines e alevíns. Na súa terceira campaña seguida no Burela FS nesta etapa, con 24 anos, ábrenselle as portas do primeiro equipo para ser unha máis desde o primeiro día.
A futbolista mariñá é consciente de que teñen un reto moi importante por diante. “Será unha tempada difícil, pero asúmoa como un reto moi bonito e ilusionante; facer ver que o club sempre será un dos grandes deste deporte é un obxectivo moi ambicioso e especial”, apunta. “Será un proxecto de xogadoras moi novas, pero con certa experiencia, no que non van faltar as ganas e a ilusión e que seguro que loitará para seguir dando alegrías ao club e á afección”, engade.
Cris considera que as oportunidades que tivo no pasado no primeiro equipo serviranlle de moita axuda neste curso. “Creo que se verá unha xogadora con bastante aprendido e vivido logo de pasar pola categoría, cos obxectivos claros e ganas de contribuír moito e ben”, sinala. A ala-peche de Burela ten claro que pode aportar ao conxunto que dirixirá Belén Feal. “Espero poder achegar seguridade e calidade no xogo, ademais de axudar a ter un moi bo ambiente no vestiario”, comenta.
A nova xogadora do primeiro equipo valora “a sorte que tiven dende pequena de vivir o fútbol sala como afeccionada e xogadora, e considero que é un gran privilexio contar cun deporte tan bonito e de tan alto nivel tanto na vila como na comarca”, afirma. Así mesmo, diríxese á afección, á que agradece todo o que teñen aportado nas últimas tempadas. “Levan anos demostrando co seu apoio que son como unha xogadora máis, nos bos e sobre todo nos malos momentos. Só me queda darlles as grazas por toda a confianza que nos aportan e dicir que todas xuntas conseguiremos facer unha boa tempada para devolver todo o que nos dan”, conclúe Cris.



















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.


