Aprobada unha proposta no Pleno provincial para que a Administración autonómica incremente o Fondo de Cooperación Local nos Orzamentos 2026 e así compensar o custe dos servizos que lle son propios e fai recaer nas arcas municipais
Lugo, 28 de outubro de 2025. A Deputación de Lugo instará á Xunta de Galicia a saldar os 600M€ que debe aos concellos por facerlles asumir competencias impropias. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de outubro celebrado este martes no Pazo de San Marcos, tras unha proposta de Goberno que contou cos votos a favor de PSdeG e BNG e os votos en contra do PPdeG.
Valorou o Presidente da institución provincial, José Tome Roca, valorou antes da sesión plenaria que “asumir as competencias impropias está lastrando a economía dos concellos, porque desde os concellos estamos pagando uns servizos que debería pagar a Xunta de Galicia”. Denunciou que a Xunta ten “conxelado” o Fondo de Cooperación Local dende o 2010 e que o reparte “con criterios partidistas” e explicou que os 187M€ cos que está dotada esa partida nos Orzamentos autonómicos 2026 van supoñer uns 600.000€ para cada un dos 313 concellos de Galicia. “Cun orzamento cen veces maior ao desta institución, a Xunta vailles dar a concellos como Monforte ou Mondoñedo o mesmo que reciben do Plan Deputación”, reprochou.
Explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, no Pleno que a débeda foi cifrada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Puxo como exemplo algúns deses custos, como o do Servizo de Axuda no Fogar, que se incrementa ano a ano polo envellecemento da poboación e a falla de residencias públicas ou os gastos derivados da decisión da Xunta de Galicia de facer de balde as escolas infantís municipais, “coa súa peculiar política de invitar a costa do peto de outros”.
Mediante o texto aprobado, a Deputación reclamará á Xunta que os Orzamentos 2026 incrementen o Fondo de Cooperación Local para saldar esa débeda; que incorporen partidas destinadas a garantir a prestación de servizos no rural en plena igualdade co entorno urbano; e que esas partidas se sitúen arredor dos 500M€ que o propio Rueda cifrou como necesarias.
Escola Universitaria de Enfermería
O Pleno tamén aprobou unha moción socialista reclamando que a Escola Universitaria de Enfermería de Lugo manteña o seu carácter de centro autonómico no caso de ser integrado na USC. A iniciativa saíu adiante por unanimidade, cos votos a favor do PSdeG e BNG e coa abstención do PPdeG.
Segundo valorou o Presidente, a Escola de Enfermería “non pode ser unha sucursal doutra facultade, ten que ter entidade propia porque creo que ten capacidade suficiente, as vimbias formativas suficientes e todos aqueles requisitos necesarios” e pediu ademais que a Xunta de Galicia “deixe de marear a perdiz”. Engadiu Pilar García Porto nese sentido que, “desde o noso compromiso co ensino superior público, os socialistas de Lugo vimos apostando polo carácter universitario como un sinal fundamental da nosa provincia. O campus de Lugo é un piar de desenvolvemento e unha ferramenta de futuro que cumpre facer medrar con sentido, non minguar de xeito irreflexivo”, argumentou a Deputada.
A moción aprobada recolle reclamar tamén á Xunta unha explicación clara da súa pretensión no proceso de integración da Escola Universitaria de Lugo na USC; que garanta a preservación do status da escola como centro autónomo como facultade se cumpre os criterios para esta denominación, ou como Escola Unitaria de non cumprilos; que garanta a continuidade do profesorado e persoal auxiliar, do seu proxecto educativo e dos medios precisos para seguir medrando na excelencia formativa; e que achegue á USC os fondos precisos para manter a personalidade propia e para que poida contribuír de xeito relevante a paliar a falla de profesionais nese eido.






















O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



