Hai decisións que, sendo legais, resultan moralmente indefendibles. A moción de censura presentada no Concello de Lugo é unha delas. Non porque a ferramenta non exista —existe—, senón porque o modo no que se emprega retrata unha forma de entender a política sen límites éticos nin pudor democrático.
A política non é un simple xogo de números. Ou, polo menos, non debería selo. Porque cando se reduce todo á aritmética interesada, o que se sacrifica é algo moito máis profundo: a confianza da cidadanía. E iso é xustamente o que está a suceder.
O primeiro elemento desta operación é coñecido: a figura da tránsfuga. A señora María Reigosa, elixida baixo unhas siglas e cun mandato claro, decide quebrar ese compromiso e converter o seu escano nunha moeda decisiva. Non se trata aquí de discutir dereitos formais, senón de sinalar unha realidade incómoda: cando alguén muda de bando para facer alcalde a quen perdeu as eleccións, está traizoando a vontade popular que a colocou alí. Chamémolo polo seu nome: transfuguismo.
Pero aínda máis grave ca o papel da tránsfuga é a actitude de quen promove, alimenta e aproveita esa deriva. A señora Candia e o Partido Popular non son espectadores pasivos dun movemento alleo; son os arquitectos dunha manobra que normaliza o indecente. Non lles importou o contexto, non lles importou a excepcionalidade do momento nin o dano institucional que isto provoca. Só importou unha cousa: chegar ao poder custe o que custe.
Porque aquí non estamos a falar dunha censura por bloqueo municipal, por corrupción acreditada ou por colapso institucional. Estamos a falar dunha operación apoiada nunha concelleira non adscrita, no momento máis delicado do mandato, nun concello golpeado por perdas humanas e cun equilibrio político alterado por circunstancias extraordinarias. Aproveitar ese escenario non é valentía política; é oportunismo sen escrúpulos.
E cando á suma de transfuguismo e oportunismo se lle engade a sombra do mercadeo de vontades, o panorama vólvese directamente tóxico. Non fai falta demostrar nada en sede xudicial para denunciar o que é evidente en termos políticos: cando unha decisión tan grave deixa tras de si sospeitas de intercambio, favores ou recompensas, a dignidade democrática queda fendida. Negalo con consignas non limpa a mancha; só a fai máis visible.
O Partido Popular pode repetir cantas veces queira que “non hai compradores nin vendidos”. Pero a política non se mide polo que se proclama en roldas de prensa, senón polo que a cidadanía entende cando observa os feitos. E o que se entende aquí é demoledor: o poder como fin, non como servizo; a alcaldía como botín, non como responsabilidade.
Hai quen intenta vestir esta operación de normalidade institucional. Non o é. Hai quen a xustifica en nome da legalidade. Non abonda. E hai quen pide silencio en nome da estabilidade. Pero non hai estabilidade posible cando se dinamita a confianza democrática.
Lugo non merece este espectáculo. Non merece que se xoguen as súas institucións nun taboleiro de xogadas calculadas. Non merece unha alcaldía nacida dunha suma que cheira a deslealdade, a transfuguismo e a indecencia política.
Porque cando todo vale, cando se cruza esa liña, o problema xa non é quen goberna. O problema é que clase de democracia queda.
E esa é a pregunta que alguén debería responder.


















A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.



