Barreiro, Balseiro e Serrano denuncian que só están ocupadas 2 das 7 prazas de médicos avaliadores e critican que o Executivo nin sequera coñeza os tempos reais de espera
Lugo, 12 de xuño de 2026.– Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de rexistrar no Senado unha moción na que reclaman ao Goberno de España a cobertura inmediata das prazas vacantes de médicos avaliadores adscritos aos Equipos de Valoración de Incapacidades (EVI) da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de Lugo.
Os populares presentaron hoxe en rolda de prensa a iniciativa que se basea nos propios datos facilitados polo Executivo en resposta parlamentaria, que revelan unha situación límite: das 7 prazas existentes na provincia de Lugo só 2 estaban efectivamente cubertas no mes de abril deste ano. Ademais, a evolución dos efectivos evidencia un deterioro progresivo e alarmante, ao pasar de 8 médicos avaliadores en 2020 a apenas 2 na actualidade.
Para os senadores populares, estes datos constitúen a confirmación do abandono que sofre un servizo esencial para milleiros de traballadores e familias da provincia. “Non estamos ante un problema administrativo menor; estamos ante un auténtico colapso dun sistema do que dependen decisións que condicionan a vida laboral, económica e persoal de moitas persoas”, advirten.
Barreiro, Balseiro e Serrano denuncian que a falta de persoal médico está a provocar acumulación de expedientes, atrasos nas citacións, informes pendentes de emitir e resolucións que se prolongan durante meses. Unha situación que mantén a moitos cidadáns nunha permanente incerteza sobre o seu futuro laboral e sobre os seus dereitos prestacionais.
Os representantes lucenses do PP alertan ademais de que a sobrecarga que soportan os profesionais dispoñibles pode acabar repercutindo na calidade das valoracións médicas, incrementando o risco de erros ou de resolucións insuficientemente fundamentadas.
Especial preocupación xera tamén a situación daqueles traballadores que son declarados non aptos para desempeñar o seu posto de traballo pero que, posteriormente, non obteñen o recoñecemento dunha incapacidade por parte da Administración, quedando atrapados nun limbo laboral e económico do que resulta moi difícil saír.
O GOBERNO RECOÑECE O PROBLEMA, PERO NON OFRECE SOLUCIÓNS
Os senadores lucenses consideran especialmente significativo que o propio Goberno de Sánchez atribúa esta situación ás xubilacións e ás dificultades para captar profesionais médicos, ao tempo que recoñece a incapacidade para cubrir as vacantes existentes.
“Non é aceptable que o Executivo se limite a constatar o problema mentres os cidadáns seguen sufrindo as consecuencias. Se hai 5 vacantes sen cubrir sobre 7 prazas existentes, é evidente que as medidas adoptadas ata agora son insuficientes”, sinalan.
NIN SEQUERA COÑECEN OS TEMPOS REAIS DE ESPERA
A iniciativa popular tamén pon o foco nun feito que consideran “extraordinariamente grave”: o Goberno admite que non dispón de datos sobre a demora media dos expedientes de incapacidade permanente nin sobre o tempo que transcorre entre o inicio dun procedemento e a emisión do ditame dos Equipos de Valoración de Incapacidades.
Para os populares, “o máis preocupante non é só que existan atrasos, senón que o Goberno nin sequera os mida”. Ao seu xuízo, resulta imposible planificar reforzos de persoal, avaliar o funcionamento do sistema ou adoptar medidas correctoras cando a propia Administración descoñece os tempos reais de tramitación.
“Se non saben canto tardan os expedientes en resolverse, dificilmente poderán solucionar os problemas que están a padecer os cidadáns”, afirman.
REFORZO URXENTE E TRANSPARENCIA
A moción presentada polos senadores lucenses do PP reclama a cobertura inmediata de todas as vacantes existentes en Lugo, a posta en marcha dun plan extraordinario de reforzo para as provincias con déficit estrutural de persoal médico avaliador, medidas específicas para captar e fidelizar profesionais e a publicación periódica dos tempos medios de tramitación dos expedientes.
Os tres senadores conclúen que “os lucenses teñen dereito a unha administración áxil, rigorosa e eficaz. O que non poden aceptar é que unha cuestión tan sensible como o recoñecemento dunha incapacidade dependa dun servizo que funciona con menos dun terzo dos efectivos que debería ter”.



















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



