Ribadeo, 19 de xuño, 2026. O Grupo Municipal do PSOE no Concello de Viveiro fixo pública a súa preocupación pola forma na que se puxo en funcionamento a nova liña de autobús que conecta os principais núcleos de poboación do municipio, así como polo desconcerto xerado entre as persoas usuarias.
O grupo socialista lembrou que esta conexión entre Celeiro, o centro urbano e Covas–Escourido fora unha proposta impulsada durante o anterior mandato do goberno bipartito PSOE–BNG, desde a área de Mobilidade que xestionaba o BNG, e trasladada á Xunta de Galicia nos anos 2024 e 2025.
En xaneiro de 2025 celebrouse unha reunión na que participaron representantes municipais, todos os grupos políticos e responsables autonómicos en materia de mobilidade. Nese encontro abordouse expresamente esta demanda e a resposta da Xunta foi clara: non era viable debido á necesidade de incrementar os quilómetros dos contratos de transporte e ao elevado custo económico anual que suporía.
Por este motivo, o PSOE de Viveiro afirma que sorprende que, tras a moción de censura do 7 de marzo de 2025 e xa durante o ano 2026, esta mesma liña entrase en funcionamento de maneira repentina. O grupo municipal pregúntase que mudou para que unha proposta rexeitada por motivos económicos e técnicos pasase a ser autorizada poucos meses despois.
Ao mesmo tempo, denuncia a escasa promoción do servizo. A posta en marcha realizouse sen unha campaña informativa suficiente, sen sinalización clara das paradas e sen facilitar información accesible sobre horarios e percorridos. O grupo considera contraditorio activar un servizo público sen garantir o seu coñecemento e utilización. Para consolidar a liña e avaliar a súa utilidade social, subliñan, é imprescindible que a cidadanía saiba que existe e poida empregala.
Por este motivo, o PSOE solicita:
– Unha campaña pública de información e promoción da liña.
– A instalación de sinalización adecuada en todas as paradas.
– Información clara sobre horarios e percorridos.
– Transparencia sobre os criterios que permitiron autorizar agora un servizo antes considerado inviable.
– Un compromiso real coa mellora da mobilidade pública no municipio.
En relación coas paradas, o grupo socialista entende que existen solucións sinxelas e de baixo custo que permitirían mellorar notablemente o funcionamento e a visibilidade do servizo. Non sería necesario executar novas infraestruturas nin instalar marquesiñas en todos os puntos; en moitos casos abondaría con habilitar e sinalizar as paradas mediante pintura horizontal e sinalización vertical, tal e como xa sucede noutros puntos do municipio —como na avenida de Ferrol— e noutras localidades con transporte urbano.
Así, facilitaríase que o autobús realizase as paradas con maior claridade e seguridade, mellorando tamén o coñecemento do percorrido por parte da veciñanza.
O Grupo Municipal Socialista tamén expresou o seu apoio á proposta da empresa concesionaria para ampliar a liña ata Landrove, unha demanda que consideran positiva para mellorar a conexión interna do municipio e ofrecer máis alternativas de mobilidade. Valoran que se estuden fórmulas para estender o servizo, sempre con criterios técnicos, autorizacións necesarias e garantías de seguridade viaria.
Neste sentido, coñecen que a empresa solicitou ao Concello habilitar unha solución que permita o paso pola Travesía e faga viable o percorrido cara a Landrove. O PSOE considera que esta proposta debe analizarse con rigor, avaliando a súa viabilidade e o seu impacto no tráfico e na mobilidade urbana.
Ademais, o grupo socialista afirma ter recibido información sobre posibles dificultades relacionadas co servizo estival cara á praia de Area. Segundo estas informacións, poderían existir incidencias pola falta da autorización necesaria para que todas as viaxes poidan ser de ida e volta, xa que en anos anteriores non sempre era posible regresar en todos os servizos.
De confirmarse, sería —din— un novo exemplo de falta de planificación e coordinación na implantación dos servizos de transporte. Por iso, solicitan ao goberno municipal e ás administracións competentes que aclaren esta cuestión e garantan que todos os servizos conten coas autorizacións e garantías necesarias, evitando incertezas entre a veciñanza.
O PSOE de Viveiro considera que contar cun servizo destas características é unha oportunidade importante para o municipio. Dispoñer dun transporte público que conecte os principais núcleos de poboación supón un avance cara a modelos de mobilidade propios de cidades máis grandes, e debe consolidarse mediante unha aposta decidida pola súa mellora e promoción.
O posicionamento do grupo é claro: apoian ampliar e mellorar o transporte público, que debe responder ás necesidades reais da veciñanza e formar parte dunha planificación seria, estable e transparente orientada a mellorar a mobilidade e a calidade de vida no concello.






















A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.



