Burela, 28 de xuño de 2026. O Auditorio Municipal de Burela acollerá o vindeiro venres 21 de agosto, ás 20:00 horas, o concerto solidario do grupo ugandés Aba Taano, unha das formacións de gospel africano con maior recoñecemento internacional. A actuación, organizada a beneficio da ONG Música para Salvar Vidas, combinará música, solidariedade e compromiso social nunha proposta cultural de gran nivel.
A través das súas voces, da súa enerxía e da música tradicional africana, Aba Taano ofrecerá un espectáculo cheo de ritmo, emoción e esperanza, no que o público poderá coñecer de primeira man un proxecto no que a música se converte nunha ferramenta de transformación social.
Os cinco integrantes da formación forman parte da ONG Música para Salvar Vidas, unha iniciativa que traballa para ofrecer educación, formación e oportunidades de futuro a nenos e mozos en situación de vulnerabilidade en Uganda. A recadación do concerto destinarase integramente a apoiar este proxecto solidario, que leva anos empregando a música como vehículo de inclusión e desenvolvemento.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, anima á veciñanza a asistir a esta cita e destaca que “será unha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo musical de gran calidade e, ao mesmo tempo, colaborar cun proxecto que demostra como a cultura pode cambiar vidas. Agardamos que o público de Burela responda e encha o auditorio para vivir unha experiencia inesquecible”.
As entradas teñen un prezo de 12 euros, sendo de 6 euros para menores de 12 anos. Poderán adquirirse de forma anticipada en Azor (rúa Arcadio Pardiñas, 86), nos mercados semanais dos martes en Foz e dos venres en Burela, en Calzados Edelmiro e tamén a través da plataforma Giglon.
Desde o Concello de Burela anímase á cidadanía a participar nesta proposta cultural e solidaria, que permitirá gozar da música de Aba Taano ao tempo que se contribúe a mellorar a vida de centos de nenos e mozos en Uganda.


























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



