O Diario Oficial de Galicia publica hoxe senllas resolucións de axudas de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que teñen como obxectivo final aumentar as vendas no comercio de proximidade
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllas resolucións de axudas de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración —dirixidas aos centros comerciais abertos e ás federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal— que suporán destinar un importe total próximo aos 2,5 M€ á dinamización do comercio local. O obxectivo final é incrementar as vendas nos establecementos de proximidade mediante actuacións e campañas que impulsen o consumo, aumenten a competitividade do sector e dean resposta ás necesidades das persoas consumidoras e usuarias, ao tempo que se contribúe a xerar puntos de atracción comercial nas vilas e cidades galegas.
No caso das achegas aos CCA, elévase a 56 o número de entidades beneficiarias e fináncianse cinco novas campañas extraordinarias —das solicitudes mellor puntuadas—, cun montante total superior aos 2,35 M€. En canto ao outro programa, distribúense preto de 117.000 euros entre catro concesións, dúas sectoriais e dúas territoriais.
Centros comerciais abertos
As 56 axudas aprobadas para asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro de cara á dinamización do comercio local e a revitalización dos centros comerciais abertos distribúense en 24 concesións para a provincia de Pontevedra, 18 na da Coruña, 8 na de Lugo e 6 en Ourense. Incorpóranse catro novas entidades beneficiarias: a Asociación de empresarios de Pontevedra, a Asociación de comerciantes e industriais de Tui, a Asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Burela e a Asociación de empresas e comercios Prolimia.
A maiores, preto de 100.000 euros destinaranse ás cinco asociacións mellor puntuadas, para que realicen campañas extraordinarias. En concreto, a Asociación Boirense de Empresarios e Profesionais Autónomos celebrará en setembro unha gran partida do comercio inspirada no xogo do Monopoly, mentres a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín desenvolverá en outubro a súa proposta Que é un comercio, especialmente dirixida ás familias e novas xeracións.
No que respecta á Asociación de Empresarios de Redondela, a campaña Redondela no camiño porá en valor en setembro a posición estratéxica a nivel comercial de Redondela, como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa. Pola súa banda, a Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro promoverá entre setembro e outubro a campaña Viveiro conta e o seu comercio tamén, e por último, o Centro Comercial Urbano Aever impulsará na primeira semana de outubro a Gala do comercio local de Verín.
Cómpre lembrar que, para optar ás achegas, as agrupacións debían presentar un mínimo de seis campañas que incluísen a participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras, así como a programación de accións formativas. Ademais podían propoñer outras actuacións complementarias orientadas á fidelización e á mellora dos servizos para a clientela, incorporando como novidade nesta epígrafe na edición deste ano os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.
Federacións ou asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal
No marco do programa de dinamización comercial dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal, resultaron beneficiarias a Federación de libreiros de Galicia e a Federación galega de asociacións e gremios de xoieiros, reloxeiros e prateiros, ademais da Mariña Federación e do Consorcio do Comercio do Salnés. Neste caso, as entidades presentaron catro accións de dinamización cada unha, entre campañas e eventos para dar pulo ás vendas ou á súa imaxe e visibilidade.
Cabe engadir que ambas convocatorias se encadran no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que persegue acadar un sector competitivo, forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade cun orzamento global de 320 M€. Dentro dos tres eixes de actuación que establece —que se vertebran en 16 medidas e 74 accións—, as dúas ordes enmárcanse no segundo, centrado na dinamización e visibilidade do comercio.




















O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



