O Estadio Municipal da Madalena será escenario dun partido amigable entre dous históricos do fútbol galego, nun evento organizado pola Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón coa colaboración do Concello de Vilalba
Vilalba, 15 de xullo de 2026. A Casa da Cultura de Vilalba acolleu hoxe a presentación oficial do Trofeo Concello de Vilalba 2026, que se disputará o vindeiro 29 de xullo, ás 19:30 horas, no Estadio Municipal da Madalena, nun encontro amigable que enfrontará ao RC Deportivo da Coruña e ao CD Lugo, dous dos clubs máis representativos do fútbol galego.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a concelleira de Deportes, Paula Vigo; o presidente da Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón, Óscar Engroba, entidade organizadora do evento; e Javi Recio, en representación do CD Lugo.
O encontro permitirá achegar ata Vilalba a dous clubs históricos do fútbol galego e converterá a vila nun punto de encontro para afeccionados chegados desde diferentes lugares de Galicia.
Desde o Concello destacan que a celebración deste tipo de eventos forma parte da estratexia do goberno municipal para continuar dinamizando a vila mediante a organización e acollida de actividades deportivas, culturais e de lecer capaces de atraer visitantes e xerar actividade económica no municipio.
Neste sentido, o executivo local considera que iniciativas como o Trofeo Concello de Vilalba contribúen non só a ampliar a oferta de actividades para a veciñanza, senón tamén a reforzar a proxección exterior da vila e consolidar Vilalba como un destino atractivo para a celebración de eventos ao longo de todo o ano.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou durante a presentación que “queremos seguir facendo de Vilalba un lugar no que pasen cousas, unha vila dinámica e activa, capaz de atraer eventos e visitantes durante todo o ano”.
A rexedora explicou ademais que “cada actividade destas características supón tamén unha oportunidade para a hostalaría, para o comercio e para a economía local, ademais de contribuír a proxectar a imaxe de Vilalba máis aló das nosas fronteiras”.
Rouco sinalou que “o deporte é unha extraordinaria ferramenta de dinamización social e económica, e este encontro entre o Deportivo e o Lugo encaixa perfectamente no modelo de vila polo que estamos apostando: unha Vilalba viva, con actividade e con capacidade para acoller eventos de referencia”.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Paula Vigo, destacou a importancia de seguir ampliando a oferta deportiva do municipio e de aproveitar instalacións como o Estadio Municipal da Madalena para acoller citas de primeiro nivel que complementen a intensa actividade deportiva que se desenvolve ao longo de todo o ano en Vilalba.
O Trofeo Concello de Vilalba está organizado pola Asociación de Promoción Social e Xuvenil Sagrado Corazón e conta coa colaboración do Concello de Vilalba.
As entradas para asistir ao encontro xa están á venda a través da plataforma habilitada pola organización: deporlugo.foroentradas.es




















Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.



