A pasada Semana Santa, os trailers da Panorama desembarcaban diante da nosa ventá, e tivemos que fuxir a un hotel na Veiga onde gastamos 70€ para poder durmir pola noite. Non entendín que tiña que ver a Semana Santa coa Panorama, pero xa vin que non foi unha excepción, seica vai sendo a nova normalidade ruidosa en Ribadeo.
Sabemos que os medicamentos que curan enfermidades teñen a miudo efectos secundarios, e que eses efectos son maiores se o medicamento se consume en grandes doses ou por periodos prolongados. Pois ben, está a medrar entre a veciñanza ribadense -xa non son eu nada máis- a opinión de que estamos a sobordar o límiar de tolerancia de festas e verbenas como menciña para a economía local, e especialmente das nocturnas.
Á dose das festas tradicionais, ben toleradas agardadas con gañas no entroido, Semana Santa, san Xoan, san Roque, a Patroa e o nadal, foise engadindo novos eventos -de grande aceptación e case sempre da man do gremio hostaleiro- coma o tapeo, o carnaval de verán, os indianos, o guateque, festivais musicais varios, o Samain ou o mercado de nadal que aínda deixaban no ano fins de semana “normais”, libres para as actividades culturais, charlas, presentacións, debates, teatro,… das que sempre gozamos na nosa vila. Teño pra min que nese punto acadamos ese limiar.
Porén, nestes últimos anos están a aparecer, a maiores, multitude de novos eventos que mesmo se solapan entre eles, tanto mercadiños, coma exposicións varias ou simples concentracións que se acompañan cada vez máis de concertos e mesmo barras de bar propias e tenden a alongarse ate a madrugada. Organizados ás veces por unha Consellería, ás veces polo Concello, outras polo Xacobeo e as máis por unha asociación calquera, de súpeto plantanche unha disco móbil diante da ventá.
Seica hoxe calquera asociación ou empresario particular pode impulsar o seu propio festival, quedada ou evento e conseguir o necesario permiso para saltarse o límite legal do ruido en horario nocturno, privando a centos de ribadenses do seu dereito ó descanso con música a todo volume ate as 4 da mañá calquera festivo, véspera ou fin de semana en calquera rúa da nosa vila: prohibido durmir, é festivo!
A cousa é que a este respecto a Lei é clara: o Artigo 12 do Decreto 106/2015 sobre contaminación acústica de Galicia di que non se pode facer ruido entre as 11 da noite e as 8 da mañá. E polo tanto se os concertos e DJs na vía pública de Ribadeo operan nese horario protexido, o Concello está obrigado a aplicar o seu Artigo 7 Suspensión provisional dos obxectivos de calidade acústica, que dispón “O Concello ten a facultade de suspender os límites de ruído habituais de xeito temporal e ocasional con motivo de eventos oficiais, culturais ou festas patronais”.
Ollo, fálase de eventos oficiais, culturais e festas patronais, non dun local que lle dá por atraer clientes cun DJ. E ollo de novo, fálase de “ocasionalidade”: ocasionalidade non é todas as fins de semana nin dúas por mes. E ollo por terceira vez: a suspensión require “unha resolución municipal expresa antes do evento que fixe obrigatoriamente os límites horarios de finalización e os niveis máximos de ruído permitidos” cuxo cumprimento a policía local deberá controlar. Non é un “cheque en branco” á organización.
Chegados a este punto un grupo de persoas, veciñas da vila, estamos a recoller firmas para solicitar ó Concello que se limite a unha cantidade racional tanto o número de festas nocturnas coma os horarios de peche das mesmas e os decibelios permitidos, para acadar en Ribadeo un equilibrio razoable entre o dereito ó descanso nocturno da “maioría silenciosa” e o dereito á diversión da “minoría ruidosa” -minoría da que todas facemos parte un día ou outro-. Aproveito para lembrar que temos na vila hai décadas locais insonorizados nos que podemos gozar ate ben tarde do segundo sen molestar ó primeiro.





















Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Están organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofrecen tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.



