A coorganización permitiu desenvolver unha ampla programación cultural, musical e tradicional durante o mes de agosto
Viveiro, 20 de agosto de 2026. As Festas Patronais de San Roque 2026 conclúen cun balance moi positivo, tras unha ampla programación desenvolvida ao longo do mes de agosto e, especialmente, durante os días grandes do 14, 15 e 16 de agosto, que estiveron marcados pola participación cidadá, a música, a tradición e o ambiente festivo.
As celebracións foron coorganizadas polo Concello de Viveiro e a Asociación Viveiro en Festas, ao abeiro do convenio de colaboración asinado para o ano 2026. Este acordo estableceu as bases da colaboración entre ambas entidades e definiu os compromisos asumidos por cada unha delas para facer posible o desenvolvemento conxunto das actividades das Festas Patronais.
O modelo de coorganización responde ao interese do Concello de Viveiro e dun grupo de mozos e mozas viveirenses por ensalzar e promover as Festas Patronais de San Roque como un dos piares fundamentais da promoción cultural e tradicional do municipio, favorecendo ao mesmo tempo a participación cidadá e unha adecuada planificación das celebracións.
Unha programación froito do traballo conxunto
Ao abeiro do convenio, o Concello de Viveiro asumiu a organización e xestión de diferentes actuacións e servizos vinculados ás festas.
Entre elas estiveron a xestión da participación dos Xigantes e Cabezudos, acompañados por Bágoas da Terra, entre o 10 e o 15 de agosto; o izado de bandeiras e o pregón, en colaboración coa Asociación Viveiro en Festas e o Festival de Música Coral do 14 de agosto.
Tamén correspondeu ao Concello a contratación das orquestras dos días 14, 15 e 16 de agosto, a actuación do Club Ximnasia Viveiro, a Sardiñada Popular, o Día da Cativada e os inchables desta actividade, así como a organización dos medios e infraestruturas necesarios para o XIII Festival Bal y Gay, celebrado no Teatro Pastor Díaz.
Dentro das súas responsabilidades incluíronse igualmente a contratación do escenario, iluminación e son da programación da Praza Maior, as bombas de palenque e parte da pirotecnia, a colocación dos arcos luminosos, a tramitación das autorizacións necesarias ante Portos de Galicia e para o uso dos Xardíns Noriega Varela, a publicidade nos medios de comunicación, o pagamento do canon á SGAE e a elaboración, edición e impresión dos carteis e programas de man das festas.
Pola súa parte, a Asociación Viveiro en Festas encargouse, entre outras cuestións, da contratación das actuacións de Alana, Lina e Lola, David Civera e Niños Bravos, así como de Os Sureños Charanga, o Dúo Vivarium e a Batukada Tambukada.
A asociación asumiu tamén a contratación do espectáculo de maxia e mentalismo da programación familiar, a realización da Sardiñada Popular do día 17 de agosto, o cátering e aloxamento dos grupos participantes, a edición de A Revista das Festas, os equipos electróxenos necesarios para as orquestras, o seguro de responsabilidade civil, o plan de autoprotección, a xestión do bar do campo da festa e a contratación e planificación do espectáculo pirotécnico correspondente.
Esta distribución de responsabilidades permitiu que Concello e Asociación traballasen de maneira complementaria, asumindo cada parte as actuacións previstas no convenio e facendo posible unha programación ampla e diversa.
Apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo
O Concello de Viveiro quere expresar tamén o seu agradecemento á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo polo apoio prestado ás Festas Patronais, así como ás diferentes institucións e entidades que contribuíron ao seu desenvolvemento.
Neste sentido, o Concello destaca a colaboración da Vicepresidencia da Deputación, que permitiu contar coa actuación de Alana, Lina e Lola; así como da Deputación de Lugo, que apoiou o espectáculo de maxia e mentalismo de Ariel Hamui, o Dúo Vivarium e Os Sureños Charanga. Pola súa parte, a Xunta de Galicia colaborou na contratación do palco e son, na actuación de Roi Casal e no Tributo a Sabina, mentres que a Consellería do Mar apoiou a Sardiñada do Souto das Nogueiras.
Recoñecemento ao talento local
O Concello quere facer unha mención especial aos grupos e artistas locais que colaboraron de maneira desinteresada coas Festas Patronais e contribuíron a enriquecer a programación.
A súa participación, tanto durante os días grandes como noutras actividades desenvolvidas ao longo do mes, permitiu poñer en valor o talento musical e artístico de Viveiro, sumando propostas e demostrando a implicación da cidadanía coa vida cultural do municipio.
O Concello agradece a súa xenerosidade, disposición e compromiso coa súa vila, así como a súa contribución a unhas festas que, ano tras ano, se constrúen tamén coa participación activa do tecido cultural e asociativo local.
Un balance positivo e un agradecemento colectivo
O resultado das Festas Patronais de San Roque 2026 é froito da suma de esforzos de institucións, organización, artistas, grupos locais, entidades, empresas, profesionais, servizos de emerxencias, forzas de seguridade, persoal dos servizos municipais e de limpeza e cidadanía.
O Concello de Viveiro quere agradecer especialmente á veciñanza e ás persoas visitantes a súa participación e o ambiente creado durante estas celebracións.
As Festas Patronais de San Roque forman parte da identidade e da tradición de Viveiro e esta edición volveu demostrar a capacidade do municipio para unir tradición, cultura, música e participación arredor dunha celebración profundamente arraigada na vida da cidade.
Desde o Concello considérase que o balance desta edición é moi satisfactorio e reafírmase a vontade de continuar traballando desde a colaboración, a transparencia e a responsabilidade para manter e mellorar unhas festas que constitúen unha parte esencial da vida cultural e social de Viveiro.






















Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.