A expedición do club lucense desenvolve esta semana a súa preparación no municipio, facendo uso da Piscina Municipal Olímpica e das instalacións do Complexo Deportivo da Veiga
Cervo, 1 de setembro, 2026. O Concello de Cervo acolle esta semana, un ano máis, a pretempada do Club Natación PortaMiñá de Lugo, que escolle novamente o municipio para desenvolver a súa posta a punto de cara ao inicio dunha nova tempada de competicións.
A expedición do club lucense está a realizar durante estes días diferentes sesións de adestramento na Piscina Municipal Olímpica de Cervo, complementando o traballo específico na auga co uso das instalacións do Complexo Deportivo da Veiga, cedidas polo Concello para facilitar o desenvolvemento da concentración.
A elección de Cervo por parte do PortaMiñá repítese así un ano máis, consolidando unha colaboración que permite ao club contar cunhas instalacións deportivas axeitadas para afrontar esta fase fundamental da tempada e, ao mesmo tempo, achega actividade ao municipio durante a súa estadía.
Antes do inicio do adestramento deste martes, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, acompañados polo presidente do Club Natación Porta Miñá, Fernando Timiraos, achegáronse ata as instalacións municipais para saudar aos deportistas e coñecer de primeira man o desenvolvemento desta pretempada.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a satisfacción do Concello por volver recibir ao club lucense: “É un orgullo que un club de referencia como o PortaMiñá confíe novamente en Cervo para preparar a súa tempada. Que repitan ano tras ano é unha mostra de que contamos con instalacións e recursos que responden ás necesidades dos deportistas e das entidades que nos visitan”.
García Caramés subliñou tamén o compromiso municipal coa promoción do deporte e co aproveitamento das instalacións públicas: “Desde o Concello queremos que as nosas instalacións estean vivas e ao servizo do deporte. Traballamos para que os nosos clubs e deportistas teñan as mellores condicións posibles, pero tamén para que Cervo poida acoller concentracións e pretempadas de entidades doutros puntos de Galicia”.
A rexedora engadiu que este tipo de iniciativas teñen tamén unha repercusión positiva máis alá do ámbito estritamente deportivo: “A presenza do PortaMiñá durante estes días tamén supón dinamizar o municipio. Os deportistas coñecen Cervo, desfrutan da nosa contorna e xeran actividade durante a súa estadía, polo que é unha colaboración da que nos beneficiamos todos”.
Desde o Concello de Cervo agradecen ao Club Natación PortaMiñá de Lugo a súa confianza por regresar novamente ao municipio e poñen en valor a súa aposta pola Piscina Municipal Olímpica de Cervo como escenario para a preparación do equipo.
O Concello desexa a toda a expedición unha excelente tempada e agarda continuar estreitando os lazos de colaboración co club lucense e con outras entidades deportivas que atopan en Cervo un espazo axeitado para a súa preparación.






















O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.


