Sanxenxo, 16 de outubro de 2026. O encontro, celebrado no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, reuniu experiencias nacionais e internacionais e abordou os principais retos normativos, de promoción e de comercialización vinculados ao pescaturismo.
A adaptación da normativa, a promoción das experiencias e a súa comercialización son algúns dos desafíos que o sector debe afrontar para seguir medrando. Así se puxo de manifesto no Congreso Internacional de Pesca & Turismo, que hoxe concluíu en Sanxenxo tras dúas xornadas de intercambio entre profesionais e entidades de dez países.
Na sesión da tarde de onte, o debate centrouse no papel dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) no impulso do pescaturismo. Entre as súas achegas destacaron a formación dos profesionais, a titorización dos proxectos e o apoio ao financiamento. Tamén se identificaron ámbitos nos que é necesaria a colaboración doutras administracións, especialmente para adaptar a normativa ás necesidades do sector e mellorar a promoción e comercialización destas actividades.
A cooperación entre GALP perfílase como unha vía para avanzar nestas cuestións mediante futuros proxectos conxuntos, sempre en colaboración co sector pesqueiro e atendendo ás súas demandas.
A xornada de hoxe centrouse na presentación de experiencias de pescaturismo e turismo mariñeiro, tanto das impulsadas ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo como doutras iniciativas xa en funcionamento en distintos puntos de España e doutros países. Tras coñecer as propostas, os participantes votaron para elixir as iniciativas recoñecidas nas tres categorías do congreso.
Na categoría de gobernanza, o proxecto gañador foi WEVA, presentado por Walter Foley (Irlanda). No ámbito do pescaturismo, o recoñecemento recaeu en Pescaturismo Campelo Combarro, promovido por Yago Tomé no territorio do GALP Ría de Pontevedra. Na categoría de turismo mariñeiro, a iniciativa distinguida foi Sente o Mar, presentada por Silvia Cobas (Mugardos), no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte.
O encontro reuniu participantes de España, Hungría, Portugal, Croacia, Grecia, Finlandia, Irlanda, Polonia, Estonia e Chipre. Ao longo do programa abordáronse tamén a regulación destas actividades, as experiencias europeas, o papel das confrarías e das organizacións profesionais e a cooperación entre territorios.
Como peche do congreso, os participantes visitaron dúas experiencias sobre o terreo. En Sanxenxo, un grupo embarcou no Playa de Sanxenxo para realizar unha ruta interpretativa pola ría da man de Sauro Martínez, impulsor de Mariñeiro por un Día. Durante o percorrido, coñeceron a paisaxe costeira, os aparellos e embarcacións de pesca e o patrimonio marítimo da zona, ademais de achegarse ao traballo diario a bordo dun barco de pesca artesanal.
Outro grupo desprazouse a Cambados para compartir unha xornada coas mariscadoras de Guimatur. Alí puideron coñecer as técnicas tradicionais de marisqueo, as ferramentas empregadas e o patrimonio marítimo local, ademais de participar na actividade.
O congreso forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que traballan conxuntamente os oito GALP de Galicia para impulsar o pescaturismo e o turismo mariñeiro. O proxecto inclúe accións de formación, acompañamento a iniciativas emprendedoras, intercambio de coñecementos e colaboración entre territorios, co obxectivo de favorecer novas oportunidades vinculadas á actividade pesqueira.
O Congreso Internacional de Pesca & Turismo permitiu reunir profesionais e entidades de diferentes lugares para compartir experiencias, identificar necesidades comúns e reforzar a colaboración necesaria para avanzar no desenvolvemento destas actividades.















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



