REFERENCIA
O TEMPO MEDIO DE ESPERA DOS PACIENTES CON PATOLOXÍAS DE PRIORIDADE 1 É DE 21,1 DÍAS; 27,6 DÍAS MENOS QUE NO PROMEDIO DE 2005-08
O tempo medio de espera cirúrxica global sitúase en 93,4 días; e se se contabilizan só os centros da rede do Sergas ?excluíndose os datos de Povisa, en Vigo- a espera global diminúe ata 82,8 días
O tempo medio para unha primeira consulta de enfermidade diminuíu en 5,2 días entre setembro de 2010 e setembro de 2011, situándose en 70,6 días
A 30 de setembro de 2011 realizáranse nos hospitais da rede do Sergas un total de 81.174 intervencións en quirófano en xornada ordinaria, o que supón un incremento de 4.677 con respecto do ano anterior, cando se situaban en 76.497
Santiago, 27 de outubro de 2010.- A 30 de setembro de 2011, os pacientes de prioridade 1 presentan un tempo medio de espera de 21,1 días en Galicia. Esta cifra supón unha diminución de 27,6 días fronte aos 48,7 días de media que os pacientes con patoloxías máis graves debían agardar no período 2005-2008.
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde continúan garantindo o compromiso asumido de mellorar a atención en tempo e de xestionar a lista de espera tendo en conta criterios homoxéneos en base á gravidade do paciente, á capacidade de resolución da intervención e tamén criterios sociais. Así, no tocante aos pacientes con patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera sitúase en 78,9 días, cunha redución de 13 días respecto á mesma data do promedio entre 2005 e 2008.
Así mesmo, a media global de espera cirúrxica nos hospitais da rede sanitaria pública de Galicia é -a 30 de setembro- de 93,4 días, cunha diminución de 21,4 días respecto da lexislatura anterior. Se se contabilizan só os centros da rede do Sergas ?excluíndose os datos de Povisa, en Vigo- a espera global diminúe ata 82,8 días.
Por especialidades, cómpre destacar a redución do tempo medio de espera en xinecoloxía (que pasou de 83,6 días en setembro de 2010 a 72,6 días no mesmo mes de 2011, é dicir, unha diminución de 10,9 días); de dermatoloxía (que baixou 8,1 días, de 38,3 en 2010 a 21,5 en 2011); e de cirurxía torácica (que se reduciu en 4,5 días, de 52,8 a 48,2).
Máis intervencións totais e máis rendemento cirúrxico
A 30 de setembro de 2011 realizáranse nos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde un total de 81.174 intervencións en quirófano en xornada ordinaria, o que supón un incremento de 4.677 con respecto do ano anterior, cando se situaban en 76.497. A variación anual da actividade cirúrxica en actividade ordinaria, en comparación coa do ano 2006, supón un aumento do 23,3%.
Doutra banda, o rendemento cirúrxico en xornada ordinaria continúa incrementándose e era, a 30 de setembro, do 74,23%, cun aumento de 1,3 puntos en relación ao rendemento cirúrxico do ano 2010, e de 4,36 puntos con respecto do ano 2009.
Tamén aumentaron as intervencións cirúrxicas realizadas nos centros de saúde a 30 de setembro, das que se fixeran 12.574, é dicir, un 12% máis que na mesma data do ano pasado, cando se contabilizaban 11.260.
Consultas e probas diagnósticas
No que se refire aos tempos de espera en consultas, o tempo medio para unha primeira consulta de enfermidade diminuíu en 5,2 días entre setembro de 2010 e setembro de 2011, situándose en 70,6 días.
As consultas realizadas nos hospitais da rede sanitaria pública de Galicia en xornada ordinaria veñen experimentando un incremento nos últimos anos. Así, fronte ás 2.737.154 que se fixeron en 2008 entre xaneiro e setembro, en 2009 se levaron a cabo 2.863.922 no mesmo período; en 2010 houbo 2.910.815; e en 2011 se realizaron 2.951.005. O aumento nos últimos tres anos foi, polo tanto, de 87.083 consultas.
No que atinxe ás primeiras consultas por enfermidade que máis diminuíron o seu tempo de espera medio, trátase de cirurxía plástica e reparadora (55,3 días menos), reumatoloxía (46,5 días) e uroloxía (40,5 días menos). Ademais, as primeiras consultas con tempos de espera medios menores son as de medicina nuclear (2,9 días); cirurxía cardíaca (13 días), oncoloxía médica (19 días) e cirurxía torácica (23,2 días).
Tamén se reduciu o tempo de espera medio no eido das probas diagnósticas, como o rastreo gammagráfico (104 días menos de espera), as ecografías xinecolóxicas (42 días menos), os potenciais e respostas evocadas (35 días menos), as radioloxías de mama (34 días menos) e os estudos de sono (34 días menos).
As probas diagnósticas con menor tempo de espera medio a 30 de setembro de 2011 son as ecografáis obstétricas (15 días), as gammagrafías (16 días), os spects (22 días) e os estudos fetais (23 días).
Compromiso de Administración e profesionais
Incrementar a eficiencia, manter o principio de equidade no acceso á asistencia sanitaria e ofrecer unha atención sanitaria de calidade en tempo e forma son os obxectivos que guían o traballo do Servizo Galego de Saúde.
Dende a Xerencia do Sergas lémbrase que, se ben nunca se poderá estar plenamente satisfeitos, estes datos amosan que se está a traballar da dirección adecuada. Insístese, así mesmo, na importancia da colaboración e na implicación de todos os profesionais para ir acadando paulatinamente as metas establecidas.
Así, no que se refire á área cirúrxica, dende a Administración sanitaria fixouse o compromiso de consolidar os resultados en prioridade 1 de espera menor a 30 días e continuar mellorando os de prioridade 2 e os tempos de espera globais.
Con respecto á área de consultas, a través do incremento da capacidade resolutiva, o traballo céntrase no desenvolvemento das vías rápidas (cancro de colon, pulmón, próstata e mama) e dos procesos de atención integrada (insuficiencia cardíaca, demencia…).
No que se refire ás probas diagnósticas e terapéuticas, a mellora das actuacións diríxense cara varias liñas como o impulso da telemedicina; a protocolización da petición de probas para eliminar a variabilidade clínica; a introdución de medios diagnósticos en centros de saúde, hospitais, urxencias e PAC; a petición electrónica de laboratorio, microbioloxía, anatomía patolóxica e resto das probas; e a protocolización e planificación de estudos preoperatorios.





















A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



