Nota de prensa
REFERENCIA
A Xunta convoca 2.000 novas acreditacións profesionais en atención sociosanitaria e amplía a oferta a redeiras, tubeiros e camareiros
A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, presentou hoxe a nova convocatoria para o procedemento de receñecemento das competencias profesionais
Un total de 2.450 galegos e galegas que teñan experiencia laboral ou aprendizaxes non formais nestas profesións poderán obter unha acreditación oficial das súas competencias profesionais
As 2.450 acreditacións que se certificarán- 2.000 en atención sociosanitaria e 450 que por primeira vez se ofrecen para labores de redeiras, tubeiros e camareiros- súmanse ás 800 que xa se deron este ano en atención sociosanitaria
Santiago, 5 de decembro de 2011.- Un total de 2.450 galegos e galegas poderán acreditar a súa experiencia laboral nas profesións vinculadas á atención sociosanitaria para persoas dependentes, e tamén nas profesións de redeiras, tubeiros e camareiros, xa que a Consellería de Traballo e Benestar vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de acreditacións profesionais que inclúe diversas novidades para mellorar e ampliar este procedemento. Estas 2.450 acreditacións súmanse ás 800 que xa se ofertaron en atención sociosanitaria este ano.
A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, presentou hoxe o novo procedemento de recoñecemento das competencias profesionais que permite un recoñecemento oficial da experiencia laboral ou aprendizaxes non formais. A responsable da área autonómica explicou que principalmente son tres as novidades que inclúe esta convocatoria.
En primeiro lugar, destacou que se recollen novas profesións, as de redeiras, tubeiros e camareiros, que se suman á atención sociosanitaria que se leva convocando desde 2011. De feito, a Xunta xa ten acreditadas a 4.600 persoas neste campo, a través deste procedemento, así como de cursos de formación certificable.
Nos traballos de redeiras, tubeiros e camareiros convócanse por primeira vez 450 acreditacións: 200 en confección e mantemento de artes e aparellos dirixidas ás redeiras; 150 para a fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial; e 100 para operacións básicas de restaurante e bar.
Díaz sinalou que a segunda novidade deste novo procedemento radica na ampliación do número de prazas nas profesións de axuda a domicilio e de coidadoras ou xerocultoras e categorías similares na área de coidados a persoas dependentes. Explicou, ao respecto, que tras o éxito acadado na última convocatoria destas acreditacións profesionais – rexistráronse preto de 6.000 solicitudes- a Consellería de Traballo e Benestar decidiu convocar un novo procedemento que permitirá a obtención de 2.000 novas acreditacións.
“Darase prioridade a aquelas persoas que participaron na primeira convocatoria deste ano e non lograron acreditar todas as súas habilidades profesionais, de xeito que desta vez consigan acreditar o que lles quedou pendente e podan así conseguir o certificado de profesionalidade”, indicou. É preciso destacar que todas aquelas persoas inscritas na anterior convocatoria e que presenten solicitude de inscrición nesta non terán que achegar a documentación presentada anteriormente, podendo actualizar a experiencia laboral e as aprendizaxes non formais.
Para as auxiliares de axuda no fogar e categorías similares ofértanse 1.000 acreditacións e para as coidadoras e xeroculturoas convócanse outras 1.000 prazas de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
“Esta ampliación débese á necesidade de contar cunha profesionalización das persoas que se dedican ao coidado de persoas dependentes ben a través dun certificado de profesionalidade ou dun título de formación profesional, e deste xeito, ademais, contribuímos a visibilizar o traballo das persoas coidadoras a través desa profesionalización”, lembrou Díaz.
Ao respecto, salientou que en Galicia, un dos colectivos prioritarios en acreditar as súas competencias é o sociosanitario en persoas maiores ou dependentes como consecuencia da entrada en vigor da Lei de Dependencia no ano 2006, xa que esta normativa establece que entre 2012 e 2015 todas as persoas que traballen como persoal auxiliar, a domicilio ou en residencias e institucións sociais deben posuír unha determinada formación ou unha acreditación oficial da súa competencia profesional.
Prazo de inscrición
Establecéronse dous prazos de inscrición: para a convocatoria de atención sociosanitaria e redeiras a presentación de solicitudes rematará o 31 de decembro, mentres que para as profesións de tubeiro e axudante de camareiro e bar será do 1 ao 31 de marzo de 2012.
Por último, a terceira novidade deste procedemento refírese ao aumento do número de profesionais expertos habilitados para asesorar e avaliar ás persoas candidatas. Tamén incrementaranse os puntos de información que se sitúan nas diferentes oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, nas xefaturas territoriais da Consellería, nos centros propios de formación profesional do departamento autonómico, na Fundación Galega da Formación para o Traballo e no Instituto Galego das Cualificacións. Tamén se aumentarán os centros que serán sede do procedemento.
Para concluír, a directora xeral apuntou que “as acreditacións teñen carácter estatal e efectos profesionais e académicos, é dicir, convalidacións nos módulos da FP inicial que oferta a Consellería de Educación ou da formación para o emprego que oferta o departamento de Traballo e Benestar”. Lembrou que o proceso realízase en tres fases. Na primeira, de asesoramento, axúdase a cada persoa a xustificar ou documentar a súa competencia; na segunda fase, a de avaliación, unha comisión elabora a partir do dossier un plan individualizado para cada candidato co obxectivo de que poida demostrar o seu desempeño profesional; e, por último, as persoas que superen a fase de avaliación poderán, entón, acreditar a súa competencia profesional.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



