Nota de prensa 1/2
NOTA DE PRENSA
Por 1º vez, a Deputación financia o 100% das obras do Plan de Comunidades Veciñais e ofrece asesoramento técnico
– A institución redobra esforzos, liberando ós veciños de achegar o 25% do custe das actuacións, “conscientes dos escasos recursos dos que dispoñen” e investindo 2 millóns de euros
– O plan, que dota ó rural de servizos básicos combatendo o despoboamento, publicarase no BOP o vindeiro martes 27, data na que se abrirá o prazo de presentación de solicitudes ata abril
– O Goberno Provincial acometeu nos últimos anos con esta programación 1.176 obras por valor de 13 millóns de euros, ademais de reducir nun 93% o número de traballos pendente de executar
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, anunciou este venres a posta en marcha do Plan de Comunidades Veciñais para 2012 coa aprobación na Xunta de Goberno das bases que rexerán a concesión das axudas deste programa. Martínez salientou que o organismo provincial, non soamente mantén “esta liña estratéxica de cooperación”, que dota ó rural de infraestruturas e servizos básicos, senón que a intensifica. Deste xeito, avanzou que nesta convocatoria inclúense dúas novidades: “por 1º vez, financiamos ó 100% o custe das obras que nos soliciten as comunidades veciñais e ofrecemos asesoramento técnico para a súa execución”. Ata o pasado ano, a Deputación achegaba como máximo o 75% do presupostos total e as entidades asociativas o 25%. Neste exercicio a institución luguesa, afirmou o voceiro, “redobra esforzos, liberando as agrupacións de veciños de pagar unha parte do importe das actuacións, conscientes dos escasos recursos cos que contan nestes momentos de dificultade económica”.
Así mesmo, a contía máxima que se poderá solicitar é de 12.000 euros “porque queremos chegar a máis sitios, facer máis obras que contribúan a mellorar a calidade de vida e as condicións de traballo da xente do rural. A maior urxencia da provincia na actualidade é frear a caída libre da poboación que vén sufrindo dende hai décadas, e cremos que este plan de cooperación é unha fórmula axeitada para contribuír a facelo, ademais de para mellorar as economías locais”, explicou Martínez. Agora, unha vez aprobadas en Xunta de Goberno as bases que regularán a concesión das subvencións, o Plan, dotado con 2 millóns de euros, publicarase no BOP o vindeiro martes 27. Ese mesmo día, abrirase o prazo para facer as solicitudes, que rematará un mes despois, é dicir, a finais de abril.
Cubrindo necesidades
En canto ás actuacións que se financiarán, coinciden coas necesidades detectadas como prioritarias para as comunidades veciñais. Trátase principalmente das seguintes: pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de TV, arranxo de fontes, obras de acondicionamento e arranxo de locais sociais, así como pequenas infraestruturas e adquisición de mobiliario -informático ou similar- para o funcionamento das propias comunidades veciñais, agrupacións ou asociacións de veciños, ou como complemento de áreas recreativas, deportivas e de lecer. Polo contrario, non terán cabida axudas para a adquisición de bens inmobles. Como en anos anteriores, no Plan deste 2012, as comunidades veciñais seguiranse ocupando da solicitude de licencias e permisos perceptivos, e da contratación das obras.
Pago en tempo récord
Precisamente, na sesión tamén se acordaron as contas xustificativas de 9 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas nos Concellos de Antas de Ulla, Bóveda, O Corgo, A Fonsagrada, Lugo, Nogueira de Muñiz, Pantón, Vilalba, por valor de 130.000 euros, dos que a Deputación achegou 80.000 euros. O Deputado destacou que con estas actuacións quedarían só o 5% dos traballos desta iniciativa en 2011 pendentes de pago, á espera da xustificación por parte dos colectivos beneficiados. Neste senso, lembrou que a institución luguesa está a pagar nun tempo récord de tan só 2 meses as obras do Plan de Comunidades Veciñais para 2011, o que supón unha redución no prazo de 3 meses con respecto á anterior convocatoria.
Balance de catro anos
Manuel Martínez aproveitou para facer balance dos plans de comunidades veciñais que levou a cabo a Deputación dende o cambio de Goberno: “entre 2008 e 2011, executamos un total de 1.176 actuacións de mellora e equipamento do rural cun investimento global de 13 millóns de euros”. Ó mesmo tempo, o tamén responsable da área de Xestión Territorial destacou a mellora acadada polo actual Goberno no nivel de execución das obras do Plan, “que dá boa conta da xestión eficiente que levamos a cabo”. Deste xeito, argumentou, “antes de chegar nós, entre os anos 2005 e 2007, deixáronse sen executar por falta de xestión un total de 157 obras, mentres que no trienio 2008-2010, co bipartito no Executivo, o número reduciuse nun 93%, sendo soamente 11 as actuacións que quedaron sen executar, que en calquera caso, foron por razóns alleas á Deputación, xa que na súa maioría debéronse a que as entidades asociativas non xustificaron debidamente a subvención”.
Piscina de Sarria
A Xunta de Goberno aprobou, ademais, a modificación do proxecto de construción da piscina cuberta de Sarria. Os cambios, que foron acordados pola institución provincial, afectan ó sistema de climatización e non conlevan o incremento no orzamento desta infraestrutura, dotada de 1,5 millóns de euros, procedentes do Plan Extraordinario de Obra Pública, financiado ó 100% pola Deputación. Esta presuposto xa foi ingresado ó Concello. O voceiro anuncia que, que a vindeira semana, o organismo provincial aprobará as obras adicionais nesta instalación, acordadas posteriormente á entrega do proxecto por parte do Concello, debido á presenza de auga no terreo. Facendo unha excepción, e primando a dotación dun servizo que os sarrianos demandan dende hai 20 anos, o organismo provincial financiará nun 80% estas novas actuacións, que deberían ser aboadas, na súa totalidade, polo Concello xa que, segundo o convenio asinado, é a entidade local a que ten que asumir os custes derivados da modificación do proxecto inicial. Polo tanto, nos vindeiros días, “acordaremos novas actuacións por valor de máis de 300.000 euros para, de xeito inmediato, desbloquear estes traballos”. Esta cantidade procede de remanentes do Plan Extraordinario (264.575 euros), de novos fondos que achega a institución provincial (preto de 40.000 euros) e só un 20% do municipio (menos de 10.000 euros).
160.000 euros
A sesión acordou iniciar o proceso de contratación, por valor de 160.000 euros, para a adquisición de novo material que se adicará á mellora dos máis de 4.200 quilómetros que compoñen a rede viaria provincial, así como de vías e camiños de titularidade municipal, aforrando custes ós Concellos, mediante as máquinas do Parque Móbil. A este respecto, Martínez lembrou que a institución segue á espera de que a Xunta de Galicia peche as transferencias de estradas, un proceso que o Goberno galego mantén bloqueado dende hai máis de dous anos, obrigando á Deputación a desembolsar na conservación da rede viaria provincia, a máis extensa de España, preto de 60 millóns de euros. O voceiro calculou que “de repartir esta cifra entre a poboación da provincia, obtemos uns 42 euros por cidadán ó ano; cartos que poderíamos aforrar de ter feito resoltas as transferencias”.
Nota de prensa 2/2
HOXE REMATOU O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS DA ÁREA DE CULTURA E TURISMO DA DEPUTACIÓN
Mario Outeiro recordou que “o vicepresidente da Deputación e máis eu desprazámonos ás distintas comarcas para que todas as entidades foran coñecedoras destas subvencións”
O delegado de Cultura tamén anunciou que “tanto o vicepresidente coma min imos secundar a folga do día 29 porque desde o BNG cremos que a reforma laboral non é un instrumento válido para reducir o paro”
Lugo, 23 de marzo de 2012. O delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que hoxe remata o prazo de solicitude das axudas en materia cultural que este ano concede a Área que dirixe. “Hoxe remata o prazo para que tanto as asociacións culturais veciñais como os concellos presenten o seu proxecto para recibir subvención nas dúas vías de actividades culturais, ben sexa programación anual ou a organización dun evento, así como para os concellos en investimentos e equipamentos culturais. Insisto hoxe remata o prazo para presentar as memorias para a subvención”, apuntou Mario Outeiro.
Mario Outeiro recordou que “tanto o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, coma min nos desprazamos ás distintas comarcas para proporcionar información sobre estas subvencións, coa idea de que ningunha entidade da provincia quedara sen coñecer os recursos económicos que ofrece a Área de Cultura e Turismo da Deputación”.
A Área de Cultura destinou preto de 600.000 euros a estas axudas, dos cales 430.000 euros se dirixiron a asociacións culturais e veciñais, e os outros 160.000 se dirixiron a concellos: 60.000 para a organización de actividades culturais e 100.000 euros para equipamentos e investimentos.
Por outra banda, o delegado de Cultura lembrou que “aínda están abertos os prazos para a solicitude de axudas deportivas, tanto para entidades como para concellos, así como para a solicitude de actuacións musicais a través do programa Musiqueando pola provincia de Lugo, e de actuacións teatrais a través do programa Buxiganga. Neste último caso, tamén está aberto o prazo para aqueles grupos de teatro afeccionado que queiran participar neste proxecto cultural”.
Folga Xeral
Mario Outeiro expresou que “como delegado de Cultura e Turismo e tamén como portavoz do grupo provincial do BNG quero manifestar que tanto o vicepresidente coma min imos secundar a folga do día 29 porque desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que a reforma laboral non é un instrumento válido para reducir o verdadeiro problema da xente hoxe, o paro, xa que como o propio Goberno vén afirmando, esas medidas non contribuirán de xeito directo a xerar emprego nin a mellorar a estabilidade laboral das persoas que na actualidade ocupan postos de traballo en precarias condicións. Confírmase así, que o verdadeiro programa de Goberno do PP é aplicar unha política económica ao servizo de quen máis teñen, en prexuízo das maiorías sociais cuxo sustento depende do seu traballo. Constátase que o verdadeiro propósito do Goberno actual consiste en empregar a crise económica como pretexto para atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras, rebaixando as súas condicións laborais”.
Para Mario Outeiro, “a regulación laboral agora en vigor socava dereitos dos traballadores e traballadoras, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e a devaluación da negociación laboral. O obxectivo último é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital”.