Espíritos rebeldes e inconformistas
Toda apostasía ten o seu aquel. Un momento máxico, de lucidez; vertixe, O abismo. Os monstros que están á espreita para ver de te atrapar. En situacións como esta sempre me ven ao acordo a figura de Baruch de Spinoza, ese austero pulidor de lentes de orixe marrán (nome co que se facía referencia a aqueles xudeus ou musulmáns que na Península Ibérica xa dominada pola barbarie e a intolerancia relixiosa se dicían cristiáns, pero nos seus adentros aínda seguían a profesar a súa vella fe).
Mentres o pai de Spinoza vivía, este último cumpriu (cando menos externamente) coas súas obrigas relixiosas. Mais unha vez falecido, a súa heterodoxia doutrinaria agromou con forza. Aínda que as autoridades xudías de Amsterdam procuraron evitar o escándalo da apostasía do fillo dun antigo e respectado xefe da súa comunidade, o desenlace final non tardaría en producirse: o 26 de xullo de 1656, tendo Baruch de Spinoza vinte e catro anos, foi excomungado solemnemente e expulsado da Sinagoga. Para evitar a súa presenza incómoda en Amsterdam, a comunidade xudía coaccionou ás autoridades (calvinistas) para que o expulsaran da cidade. Tras un breve refuxio en Ouwerkerk, Spinoza haberíase de establecer na Haia, onde o seu modesto oficio de pulidor de lentes, amén dunha firme vontade de “perseverar no seu ser”, permitíronlle gozar de plena independencia para desenvolver o seu pensamento.
Alá polo verán de 2009 tivemos ocasión de lembrar a figura e os escritos de Andrés Torres Queiruga. Faciamos un breve repaso ás súas achegas ao tema da saudade e chamabamos a atención sobre o proceso aberto ao que estaba a ser sometido por parte da Congregación para a Doutrina da Fe (reedición –disque- light do celebérrimo Tribunal da Santa [?] Inquisición). Situabamos a Torres Queiruga nas coordenadas da teoloxía da liberación; sempre proclamou practicar unha teoloxía positiva, en diálogo permanente e que nunca pretendeu cuestionar a interpretación tradicional da fe. Agora ben: evidentemente, para algunhas maneiras de entender a fe calquera raiola de pluralidade e diferenza van ser vistas con receo. Consultar os seus escritos sobre a Igrexa e atoparnos, de entrada, con referencias á falta de democracia (no sentido moderno do termo) no ámbito eclesiástico é unha boa mostra do seu pensamento.
Tal e como moitos defensores decididos do dogma tradicional da Igrexa católica están a mostrar o seu rexeitamento á figura de Torres Queiruga (non sen caer tamén en vellos tópicos anti-galegos por ter escrito a súa obra teolóxica en galego, e iso que se trata dun dos poucos teólogos españois da actualidade traducidos ao alemán), tamén son moitos os apoios recibidos por Torres Queiruga desde os movementos cristiáns de base. A parte de ter considerado “irregular” todo este proceso ao que foi sometido o teólogo galego, desde os grupos cristiáns de base achacan á curia condenar todo canto ignoran e querer controlar toda a razón e o Espírito na Igrexa. Botan tamén en falta, por parte dos bispos españois, unha actitude de maior compromiso cos necesitados, xusto nestes momentos de tanta dificultade.
Ao escribir estas verbas non podo máis que lembrar como o goberno español non aplicou os recortes á Igrexa Católica, senón que esta vai seguir recibindo miles de millóns de euros, ben sexa en subvencións directas, doazóns económicas, cesións de terreos e exencións de impostos (IBI). Madía leva o da condena a Torres Queiruga! A vaquiña polo que vale, meus amigos e amigas! A pela é a pela, e o demais son contos! Iso si: que non amolen moito, que queden ben e sexan entretidos. Pero levar á práctica o que se predica… ai iso…
Non son equiparábeis as figuras de Spinoza e Torres Queiruga. Pero si quero lembrar hoxe as súas actitudes de rebeldía e inconformismo, porque ese espírito sempre foi fonte de riqueza, de novas ideas, de novos azos. Agora ben: tampouco é prudente deixarse levar pola ruptura en si mesma, hai que fiar ben, definir con clareza que se quere facer e demostrar á sociedade que se aporta algo novo, e non simplemente se destrúe o xa vello.
Farruco GRAÑA
















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



