O BNG SAE Á RÚA CONTRA O RESCATE BANCARIO PORQUE É “UN ROUBO AO POBO”
Antonio Veiga afirmou que “é preciso levantármonos fronte a este novo roubo ao pobo porque a crise débena pagar aqueles que a causaron e non as maiorías sociais que padecen as súas consecuencias”
Outeiro afirmou que “o rescate é un roubo ao pobo para darllo á banca e A Mariña vai notar especialmente os recortes que se van derivar”
A Mariña, 12 de xuño de 2012. Esta tarde, o BNG saíu á rúa para manifestar o seu máis firme rexeitamento ao rescate bancario que vai significar a entrega de 100.000 millóns de euros á banca para que esta poda pagar as súas débedas e sanear os seus balanzos., realizando unha mobilización fronte á sede de Capitanía, na Praza da Mariña.
Nesta concentración, o responsábel comarcal do BNG da Mariña o Antonio Veiga , leu un manifesto para amosar o rexeitamento dos nacionalistas e a cidadanía a un plan de rescate que “vai provocar que sexa o pobo quen pague a factura, en forma tanto de xuros abusivos como de novos recortes e de novos ataques contra os dereitos sociais e nacionais de Galiza”.
Segundo afirmou Veiga, “chove sobre mollado porque a banca privada xa recibiu do Estado español 150.000 millóns de euros desde que comezou a crise. Ese diñeiro non foi empregado para reactivar a economía, senón para que os bancos continuasen coas súas actividades especulativas. Así substituíron a burbulla inmobiliaria por unha nova burbulla, a burbulla da débeda, por iso hoxe o BNG e o conxunto da cidadanía sae á rúa a denunciar que isto é un roubo e tamén unha burla ao pobo porque o Goberno do señor Rajoy ten a enorme caradura de tentar vendernos esta estafa como un grande logro, ao servizo do que poñen un poderoso aparato de propaganda, do que infelizmente fan parte a TVG e a RG, que pretende enganar á sociedade con mentiras masivas sobre o resgate, queréndonos facernos crer que o resgate non vai levar aparellados novos recortes nos dereitos sociais”.
“Mais a sociedade debe saber que a UE vai pór durísimas condicións a cambio do resgate da banca. Durísimas condicións non para a banca, senón para o pobo como a suba do IVA, despedimentos aínda máis baratos, máis copagos sanitarios, menos profesores, máis nenos e nenas por aula ou o adiantamento da xubilación aos 67 anos. Durísimas condicións que ameazan tamén con levarse por diante o sistema financeiro galego. A UE quer novas fusións. Ou sexa, o plan é que Novagaliciabanco sexa absorbido por Bankia. Roúbannos o noso aforro e o presidente da Xunta de Galiza aplaude aos atracadores. A sociedade ten dereito a saber que o Estado español si está intervido de facto e debe saber que as finanzas, a economía e a fiscalidade van estar dirixidas pola troika do Banco Central Europeu, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea e que esa troika vai gobernar o Estado para beneficiar exclusivamente os intereses da grande banca, que poderá continuar a funcionar como viña funcionando até agora” – criticou Veiga , afirmando que “o único que lle interesa á troika é abrir novos espazos de negocio para ese capital privado. Por iso irán a polos nosos dereitos laborais, a polas nosas pensións, a pola nosa educación, a pola nosa sanidade”.
Na mesma liña, Veiga esixiu “un debate social con transparencia, porque en Democracia non se pode comprometer o benestar dun pobo sen abrir un profundo debate social xa que a sociedade ten dereito a decidir se aceita ou non as condicións que lle pon a Unión Europea ao Estado español porque vai ser a sociedade quen pague a conta, e iso en Democracia chámase referéndum e o BNG pide ese referéndum. Un referéndum sobre o resgate para restituírmos a Democracia no Estado -tan danada desde que estourou a crise- e para dicermos non ao resgate.
Antonio Veiga lembrou que “as políticas dos resgates xa vimos o que deron de si en Grecia, Portugal e Irlanda: Aprofundaron a recesión, criaron máis sufrimento social, máis paro, máis destrución do aparato produtivo e máis desigualdades. Por iso desde o BNG queremos referéndum e queremos que se depuren as responsabilidades da enorme catástrofe social que vivemos. Non se poden criar buratos tan xigantescos como os xerados pola banca privada, buratos que temos que pagar entre todos, sen que se identifique aos responsábeis.Por iso o BNG volta a solicitar a constitución de comisións de investigación quer no Parlamento Galego quer no Congreso.Que se reforme se for preciso o Código Penal, pero os responsábeis teñen que ser castigados. Caso de que o PP continúe vetando esas comisións de investigación, o BNG promoverá unha Auditoría Social para que coñezamos como chegamos até aquí, en que estado realmente se atopa o sistema financeiro e que tipo políticas provocaron a crise”.
Por último, o responsábel comarcal do BNG afirmou que fronte a esta situación “o BNG presenta as súas alternativas, alternativas que, de se poren en práctica, porían fin ao saqueo ao pobo e farían xustiza social: Fronte ao dominio da banca privada só interesada na especulación, Banca Pública Galega para reactivar a economía e criar emprego; Fronte a un Banco Central Europeu que é o corazón da especulación financeira na Unión Europea, un novo Banco Central Europeu ao servizo dos pobos e non dos bancos; Fronte ao dominio imperial de Alemaña dentro da Unión Europea dos Estados, a soberanía dos pobos como Galiza para construír unha nova Europa, democrática, social, das nacións”.
Veiga rematou animando ás persoas que se congregaron na Praza da Mariña a “levantármonos fronte a este novo roubo ao pobo. A crise débena pagar aqueles que a causaron e non as maiorías sociais que padecen as súas consecuencias. Non podemos ficar de brazos cruzados. Está en xogo o noso benestar, a nosa calidade de vida. Desde logo o BNG continuará a traballar para defender a sociedade e para conquistar un futuro mellor para Galiza”.




















A reorganización dos espazos —stands na Praza do Casino e presentacións no Cine Fantasio— foi clave para o éxito. A concelleira de Cultura, Patricia Rodríguez, destacou a boa acollida e a resposta do público, valorando moi positivamente o novo formato.
Estivo organizada polo Motoclub Os de Sempre, que reuniu este fin de semana a centos de participantes chegados de Galicia, Asturias, León e o Bierzo. O programa incluíu unha ruta nocturna en homenaxe aos moteros falecidos, ademais de momentos de convivencia en comidas e actuacións musicais dos grupos Primera Línea e Malditos Pendejos. Na entrega de trofeos participaron o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira Isabel Rego.
Destacou o seu valor como punto de encontro e motor económico e cultural da comarca. Arias puxo en valor o labor do Concello por manter eventos de referencia como a Moexmu, esta feira e a próxima Festa da Filloa, que contribúen a promover o sector agrogandeiro e a tradición galega.
A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



