O BNG DE FOZ LEVA AO PLENO VARIAS MOCIÓNS A FAVOR DA BANCA PÚBLICA GALEGA, CONTRA OS RECORTES EN EMPREGO, PARA QUE A IGREXA PAGUE O IBI E PARA QUE SE MANTEÑAN AS OFICINAS DE REXISTRO DA COMARCA
“O rescate ao bancos e o golpe de graza ao noso sistema financeiro e o espolio do noso aforro”
“A Igrexa debe pagar coma todo o mundo”
“A política do PP de máis austeridade sen nada de investimento nin creación de emprego estanos levando ao desastre”
Foz a 29 de xuño de 2012. – O BNG presenta para o pleno deste xoves catro mocións a favor dunha banca pública, contra os recortes en fomento do emprego e na defensa dos servizos na comarca da Mariña.
Unha banca pública galega, xa
A primeira das mocións que o BNG presentou en pleno é unha moción a favor da constitución dunha Banca Pública Galega e para que se convoque de imediato un referendo que permita á cidadanía pronunciarse ante un rescate ao Estado español que para o BNG significa un “roubo ao pobo”.
O portavoz municipal do BNG de Foz, Xan Carlos González Basanta, manifestou que “en realidade, o que se vai rescatar son os bancos -únicos beneficiarios desta operación- e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego”. Neste sentido, o BNG sempre defendeu que a única alternativa para salvar o aforro galego e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en NovaGaliciaBanco.
Non á supresión das oficinas liquidadoras de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo
A segunda das mocións do BNG é a que insta á Xunta de Galiza a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, e a que se renoven os convenios asinados até agora. Nesa situación están as oficinas de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo. A través destas oficinas liquidadoras nos diferentes Rexistros da Propiedade veñen realizando todas as xestións relacionadas con sucesións, transmisións, actos xurídicos documentados, societarios, etc., ademais da correspondente liquidación das taxas e xestións como as relacionadas coa interposición de recursos de reposición, comprobación de valores, notificacións ou requirimentos ás persoas interesadas, entre outras.
Para Basanta, esta actuación supón “un novo golpe de graza do goberno do PP á poboación que vive fóra dos grandes núcleos urbanos da nosa nación e demostra o nulo interese do PP polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca, nas vilas e nas aldeas, e o exercicio dunha política que priva á xente destes lugares de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades”.
Revisión do acordo coa Igrexa que a exime do pago do IBI
A terceira das mocións é relativa á revisión do acordo de exención do pagamento do imposto de sobre bens inmobles (IBI) por parte da Igrexa Católica e outras entidades exentas ou compensación en tanto non se produza dita revisión. Para o BNG, na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación a través de recortes laborais, sociais e económicos, ademais de suba de impostos -sobre todo indirectos- e todo tipo de taxas municipais, resulta incomprensíbel -tendo en conta ademais a delicada situación financeira no ámbito local- que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio, ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais.
Contra os recortes das partidas da Xunta adicadas á creación de emprego
Finalmente, o BNG levará por urxencia unha moción para rexeitar a drástica redución das axudas ás políticas activas de emprego e instar á Xunta de Galiza a garantir o financiamento necesario para o mantemento das políticas activas de emprego e o emprego social, escolas taller ou obradoiros de emprego ao mesmo tempo que a manter as partidas dedicadas a formación e emprego na súa contía inicial.
Estas reducións acadan máis de 61 millóns de euros que representan preto do 50% dos importes recollidos nos Orzamentos da Xunta de Galiza para este ano 2012. E desta cantidade cabe destacar a redución de 33 millóns de euros (case o 75%) das axudas aos concellos destinadas a contratación de persoas no paro para reforzar distintos servizos municipais (servizo de axuda no fogar, brigadas municipais, etc.), confirmando así a escalada de recortes do goberno do PP na Xunta de Galiza desde hai tres anos, e chegando á cifra actual de case 280.000 parados cando por estas datas no ano 2009 cando entrou o PP no goberno era de 210.000 persoas no paro. “Feijoo e o PP son máquinas especializadas en crear desemprego” asevera Basanta.



















O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.



