O BNG DE FOZ AFIRMA QUE CO PP AUMENTOU UN 40 % O PARO NO CONCELLO DE FOZ
“Moitas pequenas e medianas empresas tiveron que pechar mentres a banca recibe milleiros de millóns de euros públicos sen devolución” afirma Basanta
Foz a 18 de outubro de 2012.- O BNG de Foz quer denunciar publicamente que co goberno do PP na Xunta o número de desempregados e desempregadas no Concello de Foz aumentou preto dun 40%. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística o número de parados e paradas en marzo do ano 2009, antes de entrar Feijoo na Xunta, era de 519 e tres anos e medio despois, en outubro de 2012, é de 709 persoas. É dicir, case 200 parados máis que representan unha suba dun 36,6 %. Nos sectores que máis medrou o paro foron a construción e o sector servizos, principalmente a hostalería.
No conxunto na Mariña, o Concello de Foz está case un punto por riba da media pois o paro aumentou nestes anos sobre un 35,88 %, pasando de 3.534 desempregados e desempregadas no ano 2009 a 4.804 no terceiro trimestre deste ano.
Co PP gobernando, destrución de empresas e máis paro
Esta é a tónica xeral na nosa comunidade nos anos do goberno de Feijoo. Temos que ter en conta que despois de tres anos e medio, Galiza é a comunidade do Estado na que máis subiu o paro. Pasou de 162.700 persoas en 2009, cando asumiu o goberno da Xunta, a máis de 275.000 persoas en paro na actualidade, colocando a Galiza á cabeza do Estado na destrución de emprego. O número de traballadores afectados por ERES disparouse neste ano 2012 nun 43% (16.428 persoas afectadas). Na comarca da Mariña, dende xuño de 2009 o paro rexistrado incrementouse o 52% mentres nese mesmo tempo medraba un 38% no conxunto de Galiza e un 32% no Estado.
Ao mesmo tempo, entre 2008 e 2010 Galiza perdeu 4.500 empresas, na súa gran maioría pemes, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. Neste 2012 na Galiza disolvéronse preto de 1.500 empresas.
Co BNG, máis emprego público e axudas ás pemes
Para parar esta sangría de destrución de emprego, o BNG xa puxo enriba da mesa en moitas ocasións medidas para freala. Entre outras a creación de emprego público a través da construción dun centro de día e dunha residencia que dera traballo alomenos a 100 familias. Ao mesmo tempo dar crédito ás pequenas e medianas empresas para que poidan continuar a súa actividade neste momento que o necesitan e poñer eses créditos á súa disposición obrigando aos bancos a dalos e a través dunha banca pública galega e do Instituto Galego de Crédito.
O BNG DE FOZ CRITICA AO PP POR GASTAR 50.000 EUROS NUNHA PASARELA PORTUARIA INNECESARIA
“Son moitos cartos nunha pasarela cando Foz ten moitas déficits sociais e servizos públicos mal atendidos” afirma Basanta
Foz a 17 de outubro de 2012.- O BNG manifesta a súa contrariedade por aparecer, en plena campaña electoral, unha obra na zona do porto que consiste ao parecer nunha pasarela flotante. O custe da obra, suponse que financiada por Portos de Galicia, aproxímase aos 50.000 euros.
En primeiro lugar, a intencionalidade da obra deixa moitas dúbidas tanto polo momento de comezalas como pola falta de transparencia das mesmas. Desde o BNG queremos manifestar o noso rexeitamento á oportunidade electoralista da obra, en plena campaña electoral e sen previa información do proxecto aos grupos da corporación municipal. “Estamos fartos destas prácticas por parte do PP durante a campaña, dado que xa en varias ocasións foi reprendido por saltarse a lei electoral. Este é outro exemplo máis do uso partidario dos organismos públicos. Coa chegada do ministro de industria asfaltáronse varios tramos da estrada N-642 ao seu paso polo concello; agora, Portos fai o paripé co inicio dunhas obras no porto”, declara Basanta, o portavoz municipal do BNG.
Por outro lado, desde o BNG vemos un despropósito que se gasten case 50.000 euros (como aparecía nun taboleiro instalado diante do peche metálico das obras) nunha pasarela flotante que non parece unha urxencia nestes momentos. Como alternativa o BNG propón que se usen eses cartos en servizos sociais municipais como pode ser contratar persoal para axuda no fogar, para ampliar a escola infantil ou para abrir a biblioteca polas tardes, entre outras moitas cousas.
Se por ser obras do ente Portos de Galicia non se considera oportuno dedicar estes cartos a outra cousa que non sexa competencia deste organismos tamén damos alternativas a esta obra desde o sentido común. Se o motivo parece ser que é ampliar a beirarrúa, o BNG propón que saquen en primeiro lugar os bancos de pedra e as papeleiras que están estorbando enriba dela. Desa maneira gañárase un espazo importante e serán máis cómodas e seguras. E os cartos que van a gastar na pasarela poderían usarse en facer máis pantaláns, poñer a funcionar as cámaras de vixilancia ou dragar a entrada do porto dunha vez por todas porque é unha vergoña a situación de calado da entrada do porto.




















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



