O 80% dos participantes en Km0 coñece mellor a provincia grazas ó programa e o 95% recomendaría a experiencia ós seus coñecidos
– Una enquisa realizada entre preto de 3.000 usuarios revela que preto do 90% cre que este proxecto medioambiental contribúe a que os lucenses valoren máis a provincia e o 75% mellorou a súa consideración sobre o traballo da institución provincial
– A sondaxe certifica que Km0 cumpre todos os obxectivos para os que a Deputación o puxo en marcha hai 4 anos: potenciar o medio ambiente como oportunidade económica, fomentar o turismo interior e abrir as portas da Deputación ós veciños
– Máis de 200 veciños de Lugo, Meira e A Pobra de Brollón, así como un grupo de persoas inscritas de xeito individual, gozarán das catro rutas previstas para esta semana, que discorrerán polas comarcas da Mariña e Ribeira Sacra
O 80% dos participantes no programa medioambiental Km0 impulsado pola Deputación de Lugo admite coñecer mellor a provincia e o medio ambiente grazas á iniciativa, e o 95% recomendaría a experiencia ós seus coñecidos. Así o revela unha enquisa elaborada por persoal do organismo lugués entre preto de 3.000 persoas que fixeron algunha ruta en 2011, da que tamén se desprende que o 90% dos usuarios cre que o proxecto contribúe a que os lucenses valoren máis a provincia e o 75% mellorou a súa consideración sobre o traballo da institución provincial.
Estes datos certifican que Km0 está a cumprir todos os obxectivos para os que a Deputación o puxo en marcha hai 4 anos: potenciar o medio ambiente como oportunidade económica, que a provincia deixe de ser unha gran descoñecida para os propios lugueses fomentando o turismo interior, e abrir ós veciños as portas da Deputación, permitíndolles coñecer a súa sede, para que serve a institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.
A estas opinións persoais dos participantes hai que engadir os resultados do balance económico realizado tamén por persoal provincial, segundo o que Km0 xerou dende a súa posta en marcha un volume de negocio de 1,5 millóns de euros e contribuíu a manter preto de 1.400 empregos directos das 250 empresas colaboradoras coas que conta, en sectores estratéxicos da economía lucense, como son a hostalería, o comercio, a artesanía ou o turismo, xa que os participantes paran en restaurantes, casas de turismo rural, pero tamén lonxas, adegas, queixerías, fábricas de embutidos, produtores de fabas, obradoiros artesáns, museos ou parques naturais.
De acordo con pagar
Do cuestionario que se pasou a case 3.000 participantes de Km0, tamén se desprenden outros datos relevantes, como o elevado grado de satisfacción coa iniciativa. De feito, case o 90% recoñece quedar moi ou bastante satisfeito da experiencia, en tódolos seus aspectos (explicacións das guías, medio de transporte…) e unha porcentaxe similar di que repetiría se tivese a oportunidade. Todo isto tendo en conta que os participantes pagan polas rutas dende o ano pasado. Neste sentido, destaca que o 91% está de acordo con que a Deputación fixase un prezo para os usuarios co fin de manter o programa e o 70% consideran esa taxa barata.
Continúa a 5ª tempada
A quinta tempada de Km0 continúa esta semana con catro novas rutas pola Mariña e a Ribeira Sacra, nas que participarán máis de 200 veciños pertencentes a colectivos de Lugo, Meira e A Pobra do Brollón, así como un grupo de persoas inscritas de xeito individual.
O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes no Salón de Actos de San Marcos ó primeiro grupo: 48 persoas que participan nas actividades de animación sociocultural do Concello de Lugo. Tras coñecer as instalacións da Fundación TIC, desprazáronse ó Concello de Ribadeo, onde comeron no restaurante O Cabazo, e visitaron o entorno de Illa Pancha, o forte de San Damián e o casco histórico da vila mariñana.
Mañá mércores, 48 integrantes da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Meira, tras visitar a olería de Bonxe, farán unha ruta pola Zona Sur, onde coñecerán o Miradoiro do Duque, comerán no restaurante Algueira e, para rematar, darán un paseo en catamarán polo río Sil.
A Mariña será o xoves o destino dun grupo de 40 persoas anotadas en Km0 de xeito individual. Comezarán percorrendo un tramo da ruta de sendeirismo en Cruz de Mosa para comer logo, no Concello de Ourol, no restaurante O Cazador de Bravos e coñecer as igrexas deste núcleo e do de San Pantaleón, así como a localidade de Vilares.
A programación da semana remata o sábado, cunha ruta tamén pola Mariña enmarcada na modalidade Km0 Fin de Semana. Neste caso, 55 membros da Asociación de Nais e Pais (ANPA) da Pobra de Brollón visitarán en Viveiro os eucaliptais de Chavín, o mosteiro de Valdeflores, o casco histórico da cidade do Landro e a praia de Covas. A comida terá lugar no restaurante Val do Naseiro.



















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



