Os alumn@s da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo, o único centro público da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, participan na rodaxe das tomas que están a ter lugar este venres en diversas localizacións da cidade de Lugo do novo telefilme do cineasta coruñés, Ángel de la Cruz, “Todos os Santos”. Os estudantes, moitos deles figurantes da película, recibirán ademais unha master class do cineasta coruñés, gañador de tres premios Goya, os dous primeiros pola dirección de “O Bosque Animado” (2001) e o “Soño dunha Noite de San Xoán” (2005), e o último no 2012, ó mellor guión adaptado por “Arrugas”.
Na realización e produción de “Todos os Santos” están a colaborar así mesmo catro titulados da EIS, grazas a un convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Artemática, a produtora de De la Cruz.
A rodaxe deste venres en Lugo discorre entre as 10:00 horas e as 19:00 horas en diversas localizacións da cidade. O polígono das Gándaras é o primeiro lugar de traballo, onde gravan un percorrido en autobús para pasar máis tarde a captar planos xerais da muralla e da Avenida da Coruña. Na sesión de tarde, o equipo traballará nas instalacións da Deputación, onde se simularán as estancias dun antigo cine utilizando as escadas de entrada e o salón de actos do edificio.
Todos os Santos, guión finalista do III Premio Pilar Miró que concede a Academia das Ciencias e das Artes da Televisión, está dirixido por Chema Cagino e interpretado por Isabel Blanco, Manuel Cortés, Denis Gómez, Deborah Vukusic, Carolina Vázquez, Arturo Zas e Estrella Naseiro.