Xosé Lois Iglesias Pérez.- O compañeiro Carlos Louzao publicou, recentemente neste xornal, un artigo no que informaba da negativa por parte do alcalde de Xove a acatar unha orde da Xunta (do seu partido) que esixía a redución do seu salario. Pasaría de cobrar 3000 a 1700 euros mensuais. Unha negativa tan contundente, a do primeiro edil, que contrasta coa claudicación que amosa cando se trata de defender o benestar da cidadanía. Como, por exemplo, en relación ao Hospital da Costa.
Pois ben, a publicación aporta información ben interesante e merece, cando menos, unha reflexión de todas as veciñas deste Concello.
En primeiro lugar, esta controversia pública é un acto inusual dentro das filas do PP e non é para nada casual. No momento que vivimos, semella que de crise, non se producen discrepancias entre a militancia do PP ante os abusivos recortes sociais, a suba de impostos, o aumento do paro, os desafiuzamentos… Máis si cando as ordes de partido atentan contra os intereses particulares dun militante, como é o caso do noso alcalde. E como digo non é casual, pois Bárcenas –coa súa vinganza- está asentando o que xa presupoñiamos todos e todas: o Partido Popular entendido como rede clientelar, a política como medio para o beneficio proprio. Esta estrutura entra, pois, en conflito coa idea, por certo Constitucional, da política democrática, onde o pobo é quen decide e onde as institucións están ao seu servizo.
O PP de Xove, gobernando en maioría absoluta, acata e executa a política da Xunta e do Governo Central, a política do Partido Popular. Pídennos austeridade, que contribuamos con máis impostos, que aceptemos os despedimentos do Concello, que entendamos os recortes nas axudas sociais como estratexia para saír desta crise e poder volver aos tempos de bonanza anteriores. Déixenme anotar que despois desta crise virá outra –pois é parte esencial do sistema capitalista-. Que a Crise, para moitas Estafa, estámola pagando nós, mais a culpa é dos bancos e do sistema económico europeo, en xeral. E sobre todo, que non imos volver a como estabamos antes, que unha vez que privaticen a Sanidade e a Educación a volta atrás neste sistema, e con estes dirixentes, vai ser imposíbel.
Remato xa cunha serie de preguntas para a reflexión. Sendo Xove un Concello rico, sen débeda, e cunhas millonarias subvencións de Alcoa, por que permite a diminución da lei de dependencia, isto é: a suba das taxas na asistencia a domicilio para os nosos maiores? Por que permitimos que a Igrexa, coma un veciño máis, non pague o IBI? Por que se producen despedimentos no Concello atendendo á situación do momento e o alcalde non é quen de baixarse o soldo por iniciativa propia? Por que permitimos que quen nos goberna se indigne polo que lle afecta a eles e non polo que nos afecta a nós?
Reflexionemos, pois a reflexión sobre política é esencial, porque a política é -gústenos ou non- o xeito de vivir neste país e a implicación activa do pobo é necesaria. Sen un pobo activo que cuestione e aporte ideas non se pode executar democracia ningunha.
Xosé Lois Iglesias Pérez

















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



