Compromiso por Galicia de Lugo considera un auténtico roubo a decisión tomada hoxe polo goberno español en relación á quita que sufrirán os titulares de preferentes de Novagalicia Banco. Dita quita que segundo as últimas informacións ascenderá ao 43% de media, vai afectar a milleiros de cidadáns de Galicia e do Estado o que constitúe unha das decisións máis graves tomadas nunca por un executivo en democracia.
CxG recorda que, tal e como veñen amosando numerosas sentenzas xudiciais e a propia vía da arbitraxe, a maioría das preferentes e subordinadas foron comercializadas entre pequenos aforradores que non responden ao perfil de investidor. Estas persoas foron literalmente enganadas polos responsables das dúas caixas galegas agora nacionalizadas. Pero a actuación do goberno español, coa complicidade e silencio de Feijóo en Galicia, é absolutamente inxusta pois é obriga dos gobernos defender os intereses dos cidadáns que neste caso foron estafados e están indefensos. Mentres que finalmente os cidadáns chipriotas con depósitos menores a 100.000 € van evitar a quita nos seus aforros, os aforradores galegos van pagar os pratos rotos dun sector financeiro irresponsable e duns gobernos e reguladores que miraron para outro lado.
Compromiso por Galicia insta ao goberno do Partido Popular na Xunta e no Estado a darlle unha solución diferente a este problema. Unha solución onde os pequenos aforradores enganados non sufran quita algunha nos seus aforros.