PSOE e BNG votaron en contra dunha proposta do Grupo Popular que reclamaba a ampliación do hospital da Costa e a blindaxe dos servizos e consultas dos centros de Monforte e Burela
Lugo, 26-03-2013 – A voceira do PP na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, asegura que o Grupo Provincial do Partido Popular non entende como os deputados do PSOE e do BNG votaron dúas veces en contra, –repetiuse a votación dada a falta dun deputado-, dunha moción dos populares que reclamaba a ampliación do hospital da Costa e o blindaxe dos servizos e consultas dos centros de Monforte e Burela
Os populares defenderon no pleno da Deputación Provincial de Lugo celebrado hoxe unha iniciativa coa que procuraban defender os hospitais da Costa e de Monforte na que se establecían catro puntos de acordo, que recollían: garantir a continuidade dos servizos, unidades e consultas existentes nos hospitais da Costa e de Monforte; levar adiante de inmediato a ampliación do Hospital da Costa e as actuacións precisas no centro comarcal de Monforte, co fin de garantir a mellor prestación para os pacientes e a realización dos traballo dos profesionais con seguridade e calidade a fin de dar unha resposta óptima á demanda asistencial existente.
Dende o Grupo Provincial Popular consideran que o voto en contra dos socialistas e nacionalistas amosa a incoherencia do seu discurso na rúa, ao evidenciar que despois nas Institucións os pacientes lucenses son “o último que lles importa”.
Besteiro suspende en servizos sociais e conservación da rede viaria
O Grupo Provincial do Partido Popular instou ao presidente provincial a garantir o decreto de servizos sociais e crear unha liña de axudas, en concorrencia competitiva, para financiar outros servizos sociais de titularidade municipal, como é o mantemento de centros/servizos de titularidade pública ou as actividades de lecer.
O voto en contra do BNG e do PSOE pon unha vez máis de manifesto o seu incumprimento e a pouca preocupación por garantir o mantemento dos servizos sociais na provincia. Tanto é así que, segundo explicou a voceira popular, a dotación orzamentaria da convocatoria para a concesión de subvencións destinadas a servizos sociais descendeu nun 43,6 % entre 2011 e 2012.
Os populares tamén levaron a pleno dous rogos nos que lle esixen ao presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que, por un lado, realice urxentemente os trámites oportunos e adecúe na maior brevidade posible a ponte de Córneas, en Baleira. E por outro lado, os populares solicítanlle a Gómez Besteiro que dea resposta ao escrito remitido en febreiro polo concello de Pantón informándoo do mal estado da rede viaria de titularidade provincial no municipio. Así, dende o Grupo Popular esíxenlle á Deputación Provincial que proceda de xeito urxente á realización das obras mínimas de conservación en todas as estradas provincias deste municipio e en concreto e por extrema necesidade, rógaselle que con carácter de urxencia, realice os acometidos necesarios nas vías CP- 4106 do Carmen ao Curro e na CP 4109 de Ferreira a Goián, que co descenso de temperatura se converten en auténticas pistas de xeo pola conxelación da auga que circula sobre a estrada.
Alimentos Lácteos e Comedores Escolares
O alcalde de Outeiro de Rei e deputado provincial, José Pardo, reiterou o apoio do Partido Popular ao proxecto Alimentos Lácteos e transmitiu a seguridade de que a Xunta de Galicia está a traballar para buscar solucións a situación pola que está a pasar a empresa.
Segundo explicou Pardo, no transcurso do debate desta proposta, “é necesario traballar e non propaganda”, en referencia a actitude da Deputación Provincial, da que se “bota en falta un compromiso de colaboración con este proxecto”. Asemade, o rexedor popular manifestouse crítico coa manobra feita polo grupo do BNG, que tras amosado o posicionamento a favor dos populares para a aprobación unánime da iniciativa, procurou a bronca política, coa presentación dunha emenda de engadega da que os populares non tiveron constancia ata o remate do debate da iniciativa.
En canto á proposta dos comedores escolares, os populares defenderon a xestión da Xunta de buscar equidade, baseada no feito de que os que máis teñen, participen en maior medida no sostemento dos servizos públicos. O voto en contra desta proposta vén abalado con datos como que o 56,7 % das familias, aquelas con rendas máis baixas, continúan a ter o servizo totalmente gratis, mentres que o resto aboarán unha cantidade en función da súa renda. Así, por exemplo, independentemente do número de membros, o servizo será gratuíto para familias con renda per cápita neta anual inferior aos 7.000 euros, ou familias con tres ou mais fillos e con renda per cápita neta anual superior aos 7.000,01 euros aboarán un euros por cada fillo ao día.
Outros debates
O PP lembrou que se concedera por unanimidade a Medalla de Ouro a José Luís Méndez López, e crían que deste mesmo xeito debía de ser retirada
Asemade, os populares lamentan que Gómez Besteiro evitara contestar sobre as supostas certificacións falsas en relación ás obras da piscina de Monterroso, e plantexadas nunha pregunta rexistrada polo Grupo Provincial Popular. Os populares, unha vez tido acceso a documentación solicitada, darán conta do atopado.