Burela, 18 de abril de 2013. O Concello de Burela mantén un ano máis as Escolas Deportivas Municipais, que veñen funcionando desde o curso 1996-1997 de forma ininterrompida. A concelleira burelesa de Deportes, Beatriz Piñeiro, está satisfeita co funcionamento das Escolas: “atendemos a douscentos cincuenta rapaces e rapazas de forma gratuíta nos tempos de crise que estamos a vivir, e ofertamos deportes e actividades que doutro xeito os rapaces e rapazas que os practican non atoparían”.
Piñeiro afirma categórica que “non a todo o mundo lle gusta o fútbol, o fútbol-sala ou o baloncesto, polo que a función do Concello debe ser acercar certos deportes á infancia e á xuventude, aínda que tamén somos conscientes de que non podemos ofertar todo o que nos piden”.
A concelleira de Deportes ten as cousas claras: “se podemos, manteremos a gratuidade aínda en tempos de crise, porque é precisamente nestes tempos cando temos que demostrar a preocupación pola formación dos nosos nenos e nenas. E isto é así, porque a filosofía das Escolas Deportivas Municipais non busca formar deportistas, senón formar e educar persoas e poder conciliar a vida laboral e familiar partindo da actividade deportiva e entendendo a mesma como demostrativa dos valores de traballo, esforzo, auto estima, respecto mutuo, valores que entendemos que desde o Concello debemos potenciar”.
As Escolas Deportivas Municipais do concello burelés ofertan sete actividades distintas. Así, no tenis hai agora mesmo corenta e tres alumnos inscritos en tres grupos feitos por niveis e idades. En bádminton hai dez alumnos inscritos e once en tenis de mesa. En patinaxe lúdico son corenta e cinco os alumnos e alumnas inscritos. Así mesmo, no apartado de xogos pre deportivos e psicomotores hai quince alumnos no CEIP Virxe do Carme e outros tantos no Vista Alegre, que se fan a través das Anpas dos dous centros.
Ademais, o Concello oferta a actividade de ballet, que conta con corenta alumnos inscritos repartidos en dous grupos atendendo ó nivel e á idade; esta actividade impártese na Casa da Cultura os xoves pola tarde. E tamén se oferta patinaxe artística, cun total de setenta e cinco inscritos, que se distribúen en tres grupos atendendo a criterios de nivel e idade. Esta actividade impártese no Pavillón dos Castros os martes pola tarde.
Beatriz Piñeiro salienta que “en ballet quedaron en lista de espera dez nenos e nenas e uns vintecinco en patinaxe artística; pero é que a situación é a que é e non damos para máis. Isto aínda é máis motivo de satisfacción, se cabe, porque tentamos optimizar todo o posible as instalacións que temos. Ademais, o Concello ten un monitor deportivo na súa plantilla de persoal, que se encarga de organizar e mesmo levar á practica un bo número de actividades”.
A concelleira de Deportes tamén é moi concreta noutro campo da súa competencia: as subvencións a clubs deportivos que contan con escolas deportivas. “O ano pasado non se deron subvencións porque non había capacidade económica no Concello para dalas, e isto explicouse creo que con bastante claridade; a decisión foi moi difícil de tomar porque o propio alcalde é consciente do que iso significa, pero non había outra solución. Para este ano estamos estudando a posibilidade de recuperar as subvencións, que en todo caso non cumprirían as nosas expectativas nin por suposto as do clubes que contan con escolas deportivas. A decisión que se tome explicarase suficientemente para que non quede ningunha dúbida”, engadiu Beatriz Piñeiro.
Finalmente, a edil popular manifestou que “seguro que hai persoas que pensan que as Escolas Deportivas Municipais non valen para nada; nós estamos nas antípodas, xa que aínda que só atendéramos a un alumno ou alumna, e temos douscentos cincuenta de deportes que non son precisamente de elite, xa nos dariamos por satisfeitos”.























A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 
