Lugo, 29 de abril de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao representante da delegación da Federación Galega de Fútbol en Lugo, coordinaron onte no Pazo de San Marcos a xuntanza organizativa para estabelecer xunto cos representantes dos clubs de fútbol da provincia o sistema de emparellamentos, horarios e xornadas de competición da XXX Copa Deputación de Lugo de Fútbol.
Segundo destacou na súa intervención Antonio Veiga, “mantemos para esta edición da Copa Deputación o mesmo orzamento e os mesmos premios por eliminatoria e aos vencedores có ano pasado, o que significa facer un esforzo económico moi grande tendo en conta os recortes orzamentarios que todas as administracións estamos a sufrir”. Antonio Veiga tamén resaltou a “colaboración e a predisposición” de todos e cada un dos clubs que participan no campionato e a coordinación da Federación Galega de Fútbol, e manifestou a súa satisfacción porque os afeccionados lucenses poidan desfrutar dun torneo realmente competitivo.
Nesta edición da Copa Deputación de Fútbol participan o total dos equipos lucenses desde 3ª Autonómica a Preferente Autonómica (con só un par de casos de equipos que ao final renunciaron a participar), e os emparellamentos realizáronse por sorteo puro, como vén sendo habitual, no caso de 1ª e Preferente Autonómica, e por proximidade no caso da 2ª e a 3ª autonómica (queda pendente de estabelecerse o cadro final de emparellamentos por mor de existiren cambios de datas pactados polos equipos, así como diversos axustes).
A Copa Deputación feminina, na quinta edición que se celebra, contará coa totalidade dos equipos lucenses, e disputarase con cunha semifinal entre o Monteforte, e a Milagrosa, que se verán as caras na final co Peluquería Mixta Friol disputándose mesmo día que a final de 1ª Autonómica e Preferente, que terá lugar no campo de Chantada.
Para a posta en marcha desta última edición da Copa Deputación, a Área de Deportes da Deputación conta cun orzamento semellante ao do ano pasado de case 90.000 euros. Dos clubs deportivos participantes no trofeo, o campión e subcampión da categoría 1ª Autonómica e Preferente Autonómica, será premiado con 5.000 e 4.000 euros respectivamente. Ademais, cada equipo recibirá 450 euros por partido xogado. En 2º e 3º Autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros, e os clubs percibirán 385 euros por partido disputado.