O presidente da Deputación de Lugo e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, o alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e os organizadores do Resurrection Fest, Iván e David Méndez, presentaron nun acto que tivo lugar este mércores na Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), a oitava edición do festival hardcore, punk rock e heavy metal, que reunirá do 1 ó 3 do vindeiro mes de agosto a unhas 30.000 persoas na capital do Landro. Durante a presentación, Gómez Besteiro e ós promotores do evento asinaron un convenio de colaboración solicitado por Melchor Roel para que un equipo de quince profesionais e bolseiros da TIC realicen toda a produción audiovisual dun dos festivais máis importantes de Europa e que reunirá medio centenar de bandas nos tres escenarios sitos no campo de fútbol de Lavandeiras.
O Presidente da Deputación salientou que “a dimensión cultural, económica e turística do festival de hardcore que atrae a milleiros de persoas de todo o mundo”. Pero resaltou “que a edición anterior xerou un volume de negocio de 1,4 millóns de euros en Viveiro, razón pola que os comerciantes e hostaleiros da Mariña agardan xa a edición deste ano”. Para o Presidente da Deputación, “o importante é que o Resurrection Fest beneficia a toda a Mariña, polo que o apoio da Deputación a través da Fundación TIC está asegurado”.
Grazas ó traballo da TIC, os asistentes terán a posibilidade de ver os concertos na pantalla xigante que se vai instalar nun dos laterais dos escenarios. Os que non poidan asistir terán a posibilidade de seguilo, tanto en streaming coma en diferido, na canle http://resurrection.tv. A colaboración da Fundación TIC coa organización do Resurrection Fest permitirá seguir en Internet, non só os concertos, senón tamén acceder a entrevistas coas bandas, ver o ambiente nas acampadas e moito máis do que suceda ó redor do festival.
Pola súa banda, Melchor Roel agradeceu a axuda da Deputación, ó tempo que se referiu “ó esforzo dos organizadores, que nos oito anos de traxectoria do festival conseguiron convertelo no referente absoluto de Europa neste estilo”. O rexedor tamén abundou no impacto no desenvolvemento da economía local e da comarca e na diversificación do turismo, xa que “atrae a novos visitantes que promoven fóra a imaxe da cidade”. Como novidades, Roel destacou “a ampliación do aforo para os concertos nos tres escenarios, e unha nova zona de acampada próxima ó recinto do festival, a Resucamp, na que os campistas poderán utilizar as instalacións deportivas e cafetería do Casino de Viveiro. Ademais, coma noutras edicións haberá, un espazo dedicado á práctica do skate”.
Os organizadores da oitava edición do Resurrection Fest afirmaron que supón o maior reto ó que se enfrontaron nestes anos, ó conseguir atraer bandas de primeira liña como Slayer e Band Religion, xunto ó resto de formacións. “O noso obxectivo é facer un festival desexado para os nosos seguidores e chegar directamente ó noso público, para que se sintan parte do Resurrection”.
Cartel e entradas
A programación divídese en tres escenarios, nos que ademais das bandas xa mencionadas tocarán Trivium, Biohazard, Killswitch Engage Madball, Black Flag, e Evergreen Terrace, Lamb of God, Millencolin, etc., ata completar medio centenar de formacións. Os madrileños Agains the Waves, os valencianos Exodia e os malloquíns Noiseast foron os grupos elixidos por seguidores e público do Resurrection Fest para tocar este ano coas lendas do metal, hardcore e punkrock internacional. O cartel completo e a distribución por escenarios pódese consultar na páxina web do festival www.resurrection-fest.com
As entradas para asistir ós concertos aínda poden adquirirse na mesma web do festival, e nos establecementos de varias localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Castilla León, Madrid, País Vasco, Cataluña, Valencia e en Lisboa e Porto, en Portugal. O prezo do bono de tres días é de 69 euros, e de 40 euros a entrada dun día.
Inserción laboral
O convenio asinado hoxe enmárcase na aposta da Fundación TIC, dependente da Deputación, pola mellora da formación dos alumnos e titulados con prácticas reais para facilitar a súa inserción laboral. Por este motivo, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados 109 convenios con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas, que permiten ós estudantes da Escola realizar traballos profesionais, así como un programa de bolsas de emprego para os titulados.
A Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia audiovisual, oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuais. Todas elas quedaron cubertas ó pouco de abrirse o prazo de matrícula, ó igual que ocorreu os catro anos anteriores, e mesmo moita xente quedou en lista de espera, agardando a posibles baixas de última hora.
A Escola ten matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.























Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



