Foz, 19 de xullo de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destaca a importancia da 51 edición da travesía de piragüismo Ría de Foz, da que sairán os campións galegos nas diferentes categorías entre máis de 500 participantes.
O rexedor municipal salienta que “é unha das competicións de piragüismo máis importantes de España e, dende logo, unha das máis importantes de Galicia, e case das máis antigas. É difícil que os eventos deportivos deste tipo cumpran tantos anos e polo tanto estamos moi contentos, porque da man do presidente do Club Kayak de Foz, que é o organizador, e das outras administracións que colaboran, tanto o Concello de Foz como a propia Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, levaremos adiante un ano máis esta travesía que, nesta edición está incluída no Campionato Galego de Piragüismo e participarán máis de 500 piragüistas de diferentes puntos de Galicia e tamén algún de fora da comunidade autónoma”.
O data será o 25 de xullo, día do patrón de Galicia, e, segundo anuncia Javier Castiñeira, “ás cinco e media da tarde darase a saída dende as instalacións portuarias. Farase a travesía polo río Masma ata a Espiñeira e logo volverán ata as instalacións portuarias en fronte á zona do Kayak de Foz”.
Polo tanto, o alcalde invita a “todo o mundo a presenciar esta proba de piragüismo puntuable para o campionato galego e ademais, este ano coincide que de aquí sairán os campións galegos nas diferentes categorías”.