Mondoñedo, 24 de agosto de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo descubre as mentiras do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, ao que culpabilizan, xunto ao presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, dun encarecemento no custe do servizo de axuda no fogar no municipio, así como da perda de postos de traballo.
Dunha maneira máis concreta, os populares expuxeron que o despedimento da educadora familiar, polo incumprimento da Deputación en materia de benestar, é o “claro exemplo que acredita a mentira do sr. Veiga, cando aseguraba que estaban garantidos os postos de traballo en materia de servizos sociais.
Ante esta actitude “arbitraria” do ente provincial que desoe os mandatos impostos na lei de servizos sociais; Mondoñedo tivo que incrementar as taxas, provocando que os veciños teñan un servizo máis caro e probablemente con maiores carencias dado a falta dun traballador.
Os populares lembran que a subida das taxas aos veciños, pasando en algún dos tramos, -probablemente o máis común-, dun 10 a un 20 %, se aprobou no pleno de xuño de 2012 co voto en contra dos populares que albergaban a esperanza de que a Deputación Provincial de Lugo “entrara en razón”.
Ante a falta de rectificación do ente provincial, os populares locais instan ao PSOE e ao BNG municipal a que aporten medidas que leven á Deputación a cumprir co concello en materia de benestar, que está a ser un dos máis afectados ante esta actitude do goberno provincial
A insensibilidade da Deputación Provincial de Lugo e do rexedor local
Tras coñecer os datos que amosan a precaria colaboración da Xunta en materia de benestar co municipio de Mondoñedo; os populares vense obrigados a tachar de “insensibles tanto aos lideres da Deputación Provincial de Lugo como do concello de Mondoñedo”.
Do total do custe do servizo -96.984,45 euros-, o BNG na Deputación aporta tan só 16.183 euros, é dicir un 16%. Con esta baixa colaboración do ente, os populares denuncian que queda sen cubrir o 84% do servizo, sendo os máis afectados as persoas maiores e os dependentes do Concello.
Tanto é así, que durante o ano, o ente lucense paga 276 euros anuais do SAF por cada usuario. “É imposible”, reiteran os populares, que con esta contía estea cuberto o servizo de axuda no fogar no Concello; un feito que se demostra en que esta situación “inxustificada” da Deputación está a provocar a perda de postos de traballo.
Un rexedor que polo dagora está a dar as costas aos veciños en materia de benestar
O Partido Popular de Mondoñedo presentará unha moción plenaria na que solicitará á Deputación Provincial de Lugo que cumpra co mandalo legal en materia de benestar.
A través do voto en positivo desta proposta, o equipo de goberno do municipio terá a oportunidade de posicionarse ao favor do ben dos veciños, ou pola contra manterse fiel aos intereses dun partido, que está a provocar o encarecemento deste servizo.
O Concello de Mondoñedo, gobernado polo BNG en complicidade co PSOE, ata o dagora foi dos poucos ou se cadra único concello que fixo despedimentos, pese a ter a mesma cor política que a do partido que xestiona a área de Benestar na Deputación.
Os populares esíxenlle a Orlando González que interceda e se posicione ao lados dos veciños, para evitar así que se “dea a inxustiza” de que os mindonienses paguen as consecuencias dun partido que goberna baixo a “arbitrariedade e a insensibilidade”.
Orlando González , no lugar de instalarse na insumisión, conventéndose nun apoio da única Deputación galega que se nega a colaborar coa administración autonómica; “deberá traballar para que os veciños de Mondoñedo teñan garantido o SAF básico”, e “un dos primeiros pasos a seguir e o voto a favor da iniciativa plenaria na que pedimos que a Deputación cumpra co seu compromiso”, engaden.
Normativa en materia de benestar
O PP de Mondoñedo lembra que a lei de servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito no ano 2008 e pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais, para acadar un gran pacto social a favor dos máis desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a todas as administracións.
De igual maneira, a formación local explica que o decreto que perfecciona esta regularización establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían a maior parte do SAF no Fogar Básico e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



