Lugo, 30 de agosto de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular interesouse este venres polos trámites para axilizar a transferencia, por un lado, do Camiño A, que sendo municipal pasaría a ser provincial, e por outro lado, da cesión por parte da Deputación Provincial do tramo urbano da CP 2801 de Santo Tomé por San Adriano e Augaxosa a Mazo. Os populares anunciaron a súa predisposición para tentar evitar, a través dunha nova iniciativa plenaria, que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, siga a “torpedear” o acordo que asumiu no pleno de outubro de 2012
Así o puxeron de manifesto esta mañá tanto os deputados provinciais, Elena Candia e Jesús José Novo; o autonómico, Vidal Martínez-Sierra, así como a alcaldesa de Lourenzá, Enma Álvarez Chao, xunto con outros edís do municipio, que denunciaron unha actitude “partidista” por parte do goberno da Deputación Provincial de Lugo que intenta evitar a “través de estratexias criticables” que se leve a cabo esta transferencia de estradas.
O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo trasladou ao pleno de outubro de 2012 unha iniciativa aprobada por unanimidade en sesión plenaria municipal en agosto do mesmo ano e no que adoptaron o acordo de instar á Deputación Provincial á redacción e posterior envío do borrador do convenio regulador das propostas de transferencia do chamado Camiño A.
Pese a que os tres partidos con representación na Deputación Provincial de Lugo aprobaron por unanimidade este acordo; dende a Área de Vías e Obras, a través do seu responsable, Manuel Martínez, están a levar a cabo accións partidistas co obxecto de evitar que se leve a cabo esta pretensión. Tanto é así que no convenio remitido dende a Deputación ao Concello de Lourenzá incluían unha cláusula de adecuación do Camiño A, que lle supoñería ao Concello un investimento inasumible de 100.000 euros, para arranxar un punto que chaman negro e aglomerar en quente o total do vial.
Ante esta situación, o PP, o BNG e o PSOE de Lourenzá presentaron outra iniciativa plenaria no municipio en agosto de 2013, na que se propoñía a eliminación desta cláusula cuarta do borrador remitido ao concello; e asinar o convenio no prazo máximo dun mes transcorrido dende a finalización da obra que está a executar Augas de Galicia na estrada denominada Camiño A.
Así, dende o PP provincial anuncian que se a Deputación non rectifica e non se respecta o acordo unánime da corporación local, volverase a levar este asunto ao pleno do ente lucense. Así, os populares tachan de “incomprensible” que un sinxelo trámite teña que ir a sesión plenaria tantas veces.
Unha mostra clara, segundo os populares, de sectarismo político e que xustifica que en Lugo se está sen Deputación Provincial no que a tramitación e cooperación para resolver problemas se refire.
Antecedentes
O denominado Camiño A da zona de concentración parcelaria de Lorenzana Sur, polígonos 4 e 9, que discorre da parroquia de San Adriano, lugar de Lanzós, ata a parroquia de San Jorge, lugar de Outeiro, cunha lonxitude de 2,8 quilómetros, converteuse nunha prolongación da estrada provincial CP-2801, cunha gran afluencia de tráfico e chegando a ser a vía de comunicación máis importante para a parroquia de San Adriano.
Dado o importante custo do seu mantemento imposible de asumir por un concello pequeno como o de Lourenzá; no ano 2005 iniciouse o proceso de tramitación de transferencia da titularidade da vía municipal á Deputación Provincial de Lugo, sendo aprobado tanto en pleno provincial como local e contando cun informe do servizo de vías e obras da Deputación no que se consideraba conveniente a cesión do vial.
O motivo polo cal se quere cambiar, xa dende o ano 2005, a titularidade destas dúas estradas é porque a da Deputación de Lugo atravesa un núcleo rural e sería máis propio que a mantivera o Concello, mentres que o Camiño A é un vial de titularidade municipal con case tres quilómetros de lonxitude polo que circula moito tráfico, sobre todo camións pesados que veñen da zona de Riotorto, Augaxosa ou A Pontenova cara a Lourenzá ou outras partes da Mariña.
Tras a ralentización neste proceso, cuxa axilidade se demandou en reiteradas ocasións por parte do Concello de Lourenzá, a corporación municipal aprobou no mes de agosto de 2012 e por unanimidade dos tres partidos representados, o acordo de instar á Deputación Provincial á redacción e posterior envío do borrador do convenio regulador das propostas de transferencia do camiño denomino “A”.
Un acordo plenario que posteriormente, no mes de outubro, o Grupo Provincial do Partido Popular remitiu a pleno da corporación, sendo aprobado por unanimidade. Porén, a actitude da Deputación a través da remisión dun convenio con cláusulas inasumibles por parte do municipio poñen de manifesto o afán de José Ramón Gómez Besteiro de “torpedear” un proceso que “debería ser sinxelo e áxil”.
Así, de novo en agosto de 2013, o pleno da corporación municipal aproba unha nova iniciativa plenaria encabezada polos tres partidos políticos na que se propón a eliminación da criticable cláusula; e asinar un convenio no prazo establecido dun mes dende que rematen as obras que está a acometer Augas de Galicia na estrada denominada Camiño A. De non cumprir con este acordo, o PP provincial levará de novo a pleno esta iniciativa plenaria.

















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



