Lugo, 24 de setembro de 2013. Este martes, no pleno ordinario de setembro da Deputación de Lugo, o BNG sacou adiante unha moción, co apoio dos socios de goberno e o voto en contra do PP, pola que a Deputación solicitará ao presidente do Partido Popular de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, e ao presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, a que procedan a exixir a destitución de todos os seus cargos públicos, é dicir, como alcalde de Baralla e Deputado Provincial, a Manuel González Capón. Do mesmo xeito, expresouse a condena unánime de toda a Corporación á represión franquista na provincia de Lugo, así como demandar a rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo nesta Provincia. O pleno foi seguido por ducias de persoas que mostraron carteis con lendas “fascismo nunca máis” en sinal de repulsa polas declaracións e actitudes do PP.
Diante da negativa do PP a apoiar a moción, Antonio Veiga afirmou que “o Partido Popular non está en condicións de expedir certificados de democracia tras as posicións que mantén desde sempre nesta institución sobre o franquismo. Para expedir certificados de democracia hai que ter un comportamento e unha conduta democráticas algo que non é habitual entre os populares, de feito é a terceira vez que neste foro se negan a condenar o réxime franquista cando tiveron ocasión”.
Veiga defendeu que “desde o Bloque Nacionalista Galego non imos tolerar que o Partido Popular siga a facer apoloxía do franquismo. Somos unha organización que nace da loita contra o franquismo e na que moitos dos seus militantes foron asasinados por defender unha sociedade máis xusta e democrática. E non hai que esquecer que membros do PP ocuparon cargos públicos durante o réxime”. Por outra parte, Veiga lembrou o que “os actos do señor Capón non son feitos illados, vemos como mesmo a Núñez Feijóo lle parece un “chiste” o Arriba España, o cadro do caudillo ou a bandeira de España coa galiña, deixando ver que lle vai o humor negro que se vincula coa España negra”.
O deputado do BNG na Deputación, Antonio Veiga, afirmou que “é a nosa vontade facer deste Pleno un acto de xustiza e de dignidade, honrando a memoria daqueles e daquelas que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, isto é a participar da rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo. Porque, lembrando as palabras de Castelao no 37, en Atila en Galiza, “moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir. E na Miña Terra cumprirase a vontade dos mártires”.


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



