Cervo, 27 de setembro de 2013- O pleno da corporación de Cervo celebrado este xoves aprobou a Conta Xeral de 2012 que rexistra un superávit de 258.000 euros e na que se constata a boa saúde económico-financeira das arcas municipais. Unha situación que permite ao goberno local manter o compromiso de non subir os impostos ata 2015. Unha conta que obtivo os votos a favor do grupo popular e a abstención da oposición.
O pleno tamén acordou solicitarlle a Costas a propiedade da Casa do Mar para que o Concello poida dispoñer dela e darlle un uso en beneficio da veciñanza. O trámite consistiu en pedir á Dirección Xeral de Costas a desafectación da Casa do Mar e do parque Reina Sofía do dominio público marítimo terrestre. Un punto que saíu adiante por unanimidade. “Solo faltaba que o PSOE votase en contra despois de que o Goberno de Zapatero bloquease durante catro anos todos os trámites” asegura a edil de Facenda e Emprego, Yolanda Pedreira.
A concelleira lembra como este edificio quedara baleiro e sen uso no 2008. A partir de entón, o Concello enviou multitude de escritos á delegación en Lugo da Tesourería Xeral da Seguridade Social para procurar unha solución, “peticións que nunca obtiveron resposta e, o que é máis grave, nunca saíron dos despachos de Lugo e nunca se leron en Madrid, onde tiñan que axudarnos a atopar unha saída”.
“Todos os retrasos debémosllos ao Goberno do PSOE”, polo que a edil considera “un descaro” que os socialistas de Cervo “veñan agora a criticar cando durante catro anos impediron calquera trámite relacionado coa Casa do Mar”. A mostra está en que tras o cambio de responsables no Goberno do Estado, no 2012, o proceso desbloqueouse coa visita do director provincial do INSS e nas sucesivas reunións co subdelegado do Goberno nas que se expuxeron as posibles solucións, sendo a desafectación a mellor saída. A sesión plenaria continuou cos festivos locais de 2014, aprobados por unanimidade.
Mocións
Tras os debates sobre estes puntos comezou a quenda das mocións. O grupo popular propuxo manifestar o rexeitamento e condena ao terrorismo, incluíndo o levado a cabo por Resistencia Galega, unha proposta que saíu aprobada cos votos de PP e PSOE mentres o BNG votou en contra. “Non deixa de ser chamativo que un grupo democrático non se manifeste en contra da violencia de Resistencia Galega, declarado grupo terrorista pola Audiencia Nacional” asegura Pedreira.
O pleno tamén debateu outra moción do grupo popular, na que se solicitaba a devolución dos salarios percibidos polo asesor do BNG na Deputación, Xoán Antón Estúa. Unha proposta que foi tratada xunto a outra moción relativa á dimisión do vicepresidente primeiro da Deputación e a reprobación da trama do persoal que está ao servizo do BNG pero a soldo dun área de goberno da administración provincial. Ambos asuntos obtiveron os votos negativos da oposición e saíron adiante unicamente cos do grupo de goberno. Idéntico resultado nas votacións tivo a moción do PP na que se denunciaba o incumprimento da Deputación en materia de políticas de benestar e no financiamento dos servizos municipais de axuda no fogar.
Condena ao franquismo
Ao mesmo tempo, o grupo de goberno anuncia que, no próximo pleno ordinario, abordarase unha proposta de alcaldía relacionada coa represión franquista que contará, literalmente, co seguinte texto: “O Pleno da Corporación Municipal de Cervo acorda expresar a condena unánime á represión franquista neste Concello así como o apoio a todas as vítimas oriúndas ou veciñas do concello”.
Unha proposta que a alcaldía e o goberno municipal pretenden que “saia adiante co apoio de todos os grupos políticos”, explica Pedreira. Desta forma, pretenden evitar xestos “irresponsables” como o que mostrou o BNG de Cervo neste pleno, no que presentou unha moción que reclamaba a destitución do alcalde de Baralla e a restitución da memoria dos represaliados cervenses polo franquismo nun mesmo texto.
“Non é serio nin respectuoso mesturar dous asuntos coma eses nunha mesma moción” engade a edil. De feito, durante este pleno o grupo municipal popular presentou unha emenda de substitución na que só se inclúe a condena aos represaliados e o apoio ás vítimas, que foi rexeitada polo BNG. “A actitude do señor Estúa demostra que o seu único interese era condenar ao alcalde de Baralla, e non apoiar aos represaliados do franquismo” remata Pedreira.




















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



