Burela, 4 de outubro de 2013. O vindeiro 22 de outubro rematará o seu traballo a brigada contra incendios de Burela. Esta mañá o alcalde, José Mª González Barcia, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, revisaron as actuacións realizadas e valoraron de xeito moi positivo a labor realizada por este equipo.
Fernández Valle explicou que “hoxe estivemos vendo as actuacións que está levando a cabo a brigada contra incendios, contratada cunha subvención ao cen por cen da Xunta de Galicia. Está formada por cinco persoas, que nos meses que levan traballando aparte de, evidentemente, actuar contra o lume, nalgúns casos tiveron que saír fora de Burela, cando non foi así o que están facendo é un traballo de prevención precisamente de risco de incendios”.
O edil de Obras indicou que “na área recreativa do Monte Castelo notouse moitísimo a actuación desta brigada e en concreto na zona do campo de tiro desbrozaron unha ampla superficie para evitar precisamente o risco de incendio, que nese punto sería complexo porque o monte forma unha ladeira. Tamén se adecuaron os noiros que hai por exemplo entre a explanada da capela e a propia estrada de acceso ou as zonas próximas aos merendeiros”.
Manuel Fernández Valle engadiu que “esta brigada terminará o seu traballo o día 22 do presente mes e a verdade é que estamos moi satisfeitos co labor que realizan”.