Hugo García López.- Teño que recoñecer a miña enorme sorpresa, despois de ler a información publicada na edición A Mariña de La Voz de Galicia do pasado domingo, 3 de novembro, en relación ao achado do torques de Burela.
Calquera traballo de investigación histórica ou de xornalismo de investigación, debe asentarse nunha indagación rigorosa, botando man das fontes que nos poden fornecer a información que estamos procurando e sempre contrastando as informacións recollidas e a veracidade das fontes consultadas.
No caso do torques de Burela, e en concreto en todo o relacionado co seu achado: lugar, data, circunstancias hai que ser moi cauto, tendo en conta que un obxecto destas características sempre xera certas suspicacias e interpretacións dependendo da persoa ou persoas que nos conten a “historia”, que poden mesturar o real coa esfera do imaxinario.
En primeiro lugar, deberíamos ter en conta que coñecer a persoa que neste caso atopou o torques de Burela, é un dato relevante para a investigación, dar unha información de primeira man pode axudar determinante a contextualizar a peza: lugar exacto, o xeito no que apareceu, se houbo venda…
Se atendemos ás fontes que a día de hoxe nos fornecen información sobre o achado do torques, temos principalmente dúas: as fontes escritas e as orais. Unha terceira fonte sería o traballo de campo a través das catas e escavacións arqueolóxicas, que podan dar máis información sobre o lugar no que apareceu o torques. Centrándonos nas dúas fontes principais, temos por un lado o que nos din as publicacións que conteñen información a este respecto. Trapero Pardo, no Boletín de la Comisión provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo 6, de 1955, afirma:
“Cuando el propietario de una finca situada en el lugar llamado ‘Chao do Castro’, de la parroquia de Burela, perteneciente al Ayuntamiento de Cervo, en la provincia de Lugo, se dedicaba a las faenas agrícolas en dicha finca, extrajo de la tierra un objeto metálico que, en un principio, juzgó ser de hierro y pensó ser el asa de un baúl. Arrojó el objeto al borde del terreno, situado a inmediaciones del Cantábrico, u continuó su labor. La lluvia caída durante la noche lavó la tierra que cubría la pieza, y al día siguiente el labrador observó el brillo del objeto, descubriendo en él unos bellos adornos y remates así como el color del oro. Para comprobar si se trataba de este metal, se trasladó a Lugo, donde el joyero D. Julio Núñez Regüela, comprobó que, efectivamente, era de oro casi puro. […] El propietario de la pieza hallada en Burela la vendió al Sr. Núñez Regüela y éste la cedió luego al culto coleccionista lucense D. Álvaro Gil Varela, el cual hizo la promesa de que, en el momento oportuno, figuraría el torques en el Museo Arqueológico Provincial de Lugo”.
Pola súa banda, o que fora cronista de Burela, Ricardo Pena, no libro “Burela. Apuntes históricos. Crónica del S. XX” di o seguinte: “El torques de Burela se encontró en el Castro Baixo. Aunque se dice generalmente que el hallazgo tuvo lugar en el Chao do Castro, hay quien afirma que fue dentro del recinto castreño, en la zona cercana a la Xulieira, donde se vio por primera vez este collar rígido que no llega a cerrar. Hallado por casualidad, curioseado y desechado en un primer momento como vulgar objeto metálico sin valor, fue recogido al día siguiente por Atilano López Eijo, vecino de Burela, al observar el extraordinario brillo que despedía y, después de un cambio de pareceres a nivel familiar, lo envió, para examinar la calidad del hallazgo, a Lugo, donde se comprobó que se trataba de un objeto de oro de gran pureza.”
Xa por último, Aurelia Balseiro, no libro de recente publicación “O Torques de Burela. A xoia do noso patrimonio” apunta, citando un artigo de Herminia Pernas de 2009, que “na descoberta estaban presentes o neno José Leal Fernández en compaña do seu padriño Atilano López Eijo”
Tendo en conta os textos citados, non é difícil reparar que calquera deles pode estar condicionado pola subxectividade dos informantes. Pero neste caso queremos dar resposta a esta última publicación que establece como descubridores do Torques a Atilano López Eijo e a José Leal.
Para chegar a esta conclusión Herminia Pernas utiliza a información de persoas e ningunha das cales e familiar directo ou indirecto de Atilano. Para min o igual que para moita xente é fundamental documentar e cotexar tódalas informacións sobre este e outros achados. Neste caso e, ao meu parecer a investigación non foi o suficientemente concienzuda, e por iso me dispoño a contar a verdade.
Escribo esta historia, non para dar notoriedade a miña familia, senón basicamente para dar luz sobre esta historia para contar o máis fielmente os verdadeiros acontecementos.
O achado do Torques dáse no ano 1952 no coñecido “chao de Castro”, dous labradores Atilano López Eijo e Atilano Lópéz Martínez atópanse traballando a terra, cando dan co Torques, o que máis destacan del é a súa brillantez e as súas grandes dimensións, entón deciden gardalo nunha chaqueta no borde da leira para que ninguén o vise e seguir co seu traballo. Un tempo máis tarde aparece José Leal, afillado de Atilano López Eijo, este saúda e colle a chaqueta porque ten frío, nese momento ve que cae unha peza dela. Este é o único momento no que José Leal ten contacto directo co Torques. Polo tanto José Leal baixo ningún concepto foi o descubridor do Torques. Os descubridores lexítimos como xa expuxen con anterioridade son Atilano López Eijo e Atilano López Martínez.
Posteriormente e unha vez rematados os traballos, retornan para a casa de A Vila do Medio e gárdano coas demais ferramentas. O día seguinte un xoieiro confírmalles que é ouro de alta calidade.
Por outro lado José Leal relátalle ao cabo da Garda Civil o que vira na chaqueta de seu padriño e ata o leva ao lugar dos feitos. A continuación o cabo desprázase a casa familiar na Vila do Medio preguntando e reclamando a peza, eles apenas dubidan en darlla xa que o temor a que lles pasara algo era bastante evidente. Despois de todo isto nada máis souberon do Torques.
Espero que con estas palabras ao final se arroxara algo de claridade sobre este tema, e espero poder colocar na historia Atilano López Eijo e Atilano López Martínez onde se merecen como os verdadeiros descubridores. Xa que eu como bisneto e neto así o sinto e por iso estou orgulloso de que a miña familia fose a descubridora dunha das pezas máis importantes de ourivería castrexa de Europa.
Hugo García López



















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
Ocorreu escasos minutos despois das 15 horas deste domingo, e foron recollidos pola embarcación Salvamar Shaula, de Salvamento Marítimo. Atopábanse subidos a unha balsa inchable na praia de Basteira, na Pedra (Cariño), foron arrastrados pola corrente e eran incapaces de retornar á beira. Dúas persoas metéronse na auga tratando de rescatalos, sen éxito. Ao final, a embarcación de rescate de Salvamento Marítimo recolleu aos menores e levounos ilesos ata o porto de Cariño. Ademais de a Salvamento Marítimo, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil.
O acto é aberto a quen queira participar neste recoñecemento. O grupo, con 80 anos de historia e formado por persoas de Figueras, Castropol, Vegadeo e Ribadeo, escolle este ano a Ribadeo para distinguir unha figura local, retomando a liña iniciada hai tres décadas con Luz Pozo Garza. As inscricións están abertas ata o luns 17 de agosto no número 680 13 24 24. Agárdase unha ampla participación.
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.



