Lugo, 29 de abril de 2014. A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado este martes e a instancias dunha proposta do grupo de goberno que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e cos votos en contra do PP, esixirá unha maior implicación do Goberno galego no apoio ao sector forestal poñendo en marcha todas as medidas necesarias para a súa valorización como fonte de emprego e recurso económico do País.
Neste sentido, a institución provincial instará á Xunta de Galiza a manter unha reunión de inmediato da Mesa da Madeira para resolver os problemas creados polas empresas que traballan en réxime de monopolio neste sector, como é o caso de ENCE e provocan a desvalorización da actividade produtiva, así como a súa implicación e e apoio para evitar a imposición de prezos á baixa, mesmo verificando a súa posíbel ilegalidade.
Durante a súa intervención, Antonio Veiga defendeu a proposta alegando que “Galiza conta neste momento con 2 millóns de Has de superficie forestal, das cales o 60% está en actividade produtiva e o 30% sen aproveitar, o 10% restante sen capacidade de produción. A actividade forestal representa neste momento o 3´5 do PIB galego xerando uns 20.000 postos de traballo directos e 50.000 indirectos”.
“Na Mariña luguesa – continuou o vicepresidente- no ano 2013 houbo cortas por 1 millón de m3, aportando 40 millóns de euros aos seus propietarios. Este resultado económicos para miles de produtores está en perigo pola alianza que acaba de realizar ENCE coa empresa portuguesa que viña operando na compra directa da madeira na Mariña a través das asociacións de propietarios existentes”.
Dende o BNG consideran con esta alianza, ENCE reforza a súa posición de monopolio e xa se empezan a detectar manobras para rebaixar o prezo da compra de madeira en torno ao 10%, o que afectaría gravemente a economía de miles de propietarios e por extensión ao mantemento de postos de traballo que hai na actualidade.
“Fronte a esta situación o Goberno galego non pode seguir de espectador e ten que activar os mecanismos que xa ten creados como a Mesa da Madeira para analizar a situación co sector e adoptar as medidas necesarias para protexer os intereses de miles propietarios fronte a estas multinacionais e promover e consolidar o desenvolvemento deste sector, vital para a economía de moitos concellos galegos” – concluíu Veiga.
Ante a inminente implantación da LOMCE, a Deputación esixe a volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto no ensino público
O pleno celebrado este martes tamén aprobou a proposta do goberno provincial relativa á gratuidade dos libros de texto no ensino público, cos votos a favor dos dous socios de goberno e cos votos en contra do PP, pola que a Deputación instará á Xunta de Galiza a volver ao sistema de préstamo universal de libros de texto e material didáctico no ensino público.
O vindeiro curso 2014/2015, a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará o estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas. Isto, unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade. Así, a Deputación tamén demandará do Goberno galego que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a LOMCE.
Neste sentido, o portavoz do BNG na Deputación, Mario Outeiro, explicou que “o dereito fundamental á educación esixe que se dean conxuntamente determinadas condicións -boa parte das cales están implícita ou explicitamente fixadas polo texto constitucional-, cuxa garantía de cumprimento corresponde aos poderes públicos. Ademais, para que todo isto sirva á súa finalidade, hai que situar o alumnado nunha posición real de igualdade no acceso e mantemento do seu dereito á educación”.
“Entendemos que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos a tales estudos, e considera por iso que o devandito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que esixe medidas que fagan posíbel o acceso de alumnos e alumnas a estes sen ningún custo, algo que aparece reflectido na Constitución actual” – concluíu Outeiro.