A Mariña, 16 de maio de 2014. O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento á participación cidadá na concentración e actividades convocadas pola Plataforma Queremos Galego baixo o lema “Un paso adiante e outro adiante, Galiza. Defendamos o noso idioma” para o vindeiro sábado, 17 de maio, ás 12h. na Praza Conde de Fontao, en Foz.
Desde a formación frontista consideran “máis necesario ca nunca que a cidadanía saia á rúa a defender o noso idioma, ante os continuos ataques que vén sufrindo desde todos os ámbitos.” Así, chaman a que “todas as persoas que lle queren á lingua e que desexan poder ter unha vida normalizada en galego, tomen parte nestas manifestacións expansivas que terán lugar nas sete cidades galegas e, no caso da comarca de A Mariña, en Foz.”
Os nacionalistas manifestan a “necesidade de que as galegas e os galegos defendamos o noso idioma, dado que é un dos símbolos máis importantes que temos como pobo e que nos identifica como, permitíndonos existir no mundo desde o orgullo de ser galegas e galegos”.
Para o BNG mariñao “é fundamental amosar publicamente a necesidade e o apoio social para a normalización da nosa lingua, máis aínda cando está a sufrir continuos ataques desde un goberno da Xunta máis preocupado por relegar o galego a algo exclusivamente cultural que por lograr que sexa a lingua de normal desenvolvemento do noso pobo.”