A novena edición do Festival Arreaocabo, que se vai celebrar o vindeiro sábado 5 de xullo, a partir das 21.00 horas na explanada das Lavandeiras (Celeiro), foi presentada este sábado 21 de xuño.
O FESTIVAL ARREAOCABO chega á súa novena edición, logo de contar en anos anteriores con grupos de primeiro nivel do rock galego e estatal, mantendo viva a aposta cultural da Asociación para traer a Celeiro o mellor rock galego e estatal, que fará disfrutar a novos e non tan novos na explanada de Lavandeiras en Celeiro.
Gatillazo, Dakidarria, Chris Masuak, Bytheface, e The Brosas son os grupos convidados a esta nova edición do festival que organiza o colectivo Chilindrín en colaboración coa institución provincial. O bono axuda terá un prezo de 6 euros en compra anticipada, e de 8 euros en taquilla. Ademais, haberá unha zona de acampada a disposición dos asistentes.
O Vicepresidente da Deputación e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, referiuse durante a súa presentación a este festival como “unha cita coa música totalmente consolidada na comarca, sobre todo entre a xente máis nova, que se ten convertido nunha alternativa de lecer nocturno de referencia para a xuventude mariñá”.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo – continuou Veiga- apostamos por actos deste tipo, que ademais de acoller unha vertente cultural, serven como elemento de dinamización turística e económica, neste caso para Viveiro e para a comarca da Mariña”.