Ribadeo, 23 de xuño de 2014.- A asociación Amadores da Música organizou senllos concertos didácticos do quinteto de vento metal Ribadeo Brass nos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, de Ribadeo, nos que participaron en total máis de 400 nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade.
O director de Ribadeo Brass, Rubén Solloso, explicou que esta iniciativa “xurdiu a raíz de crear o quinteto de vento metal Ribadeo Brass, pois falamos de que sería bo utilizar esta agrupación para facer concertos didácticos de cara a conseguir que os nenos dos colexios se interesen polos instrumentos que temos neste quinteto, que son os de vento metal, animalos a entrar na escola municipal de música e así que sexa o primeiro paso para que despois poidan entrar na banda. Nestes instrumentos de vento metal somos bastante deficitarios e entón consideramos que é importante animar aos rapaces que están en idade de entrar na escola e de escoller un instrumento para que os coñezan e vexan que algo divertido”.
“Tratamos de facer uns concertos didácticos amenos, nos que eles interactúen con nós e o pasen ben. Para iso fomos aos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz e actuamos concretamente para os rapaces que están nos últimos anos de Primaria. Os concertos didácticos tiveron unha temática de circo, nos que pedíamos voluntarios entre os nenos para facer diversas cousas que lles propuxemos, como ser pallasos ou trapecistas, facerse pasar por animais, … Foi algo moi activo, no que os rapaces participaron moito con nosoutros e eu creo que quedou moi ameno. De paso estes rapaces coñeceron os instrumentos que forman parte do quinteto de metal e o que intentamos é que relacionen estes instrumentos e o estudo da música con algo divertido, ameno e no que se pode pasar un rato moi divertido”, comentou Rubén Solloso.
O director de Ribadeo Brass rematou explicando que “o quinteto empezamos a ensaiar hai aproximadamente un ano e o primeiro concerto que fixemos foi no pasado mes de abril na semana de música clásica da Semana Santa de San Martiño, en Foz. E estes foron o segundo e o terceiro concerto que fixemos. Os colexios responderon moi ben e mandáronnos a todos os nenos das idades que lles dixemos nosoutros que era interesante que participaran, que son os dos últimos anos de Primaria. No colexio Sagrado Corazón participaron sobre 250 nenos e no Gregorio Sanz houbo entre 150 e 200”.